O voceiro do Grupo Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, criticou hoxe o contido da nova Relación de Postos de Traballo (RPT) presentada na pasada semana aos sindicatos pola edil de Gobernanza, Paula Alvarellos. Segundo o popular, o anuncio deste documento “é algo moi necesario e que se tiña que facer con anterioridade” e culpou á “falta de planificación e de dirección política” de causar un “caos e un colapso na xestión municipal que sufrimos todos os lucenses nestes últimos 20 anos de gobernos socialistas”.
O popular tamén lamenta que coa nova Relación de Postos de Traballo, que o goberno local presentou aos sindicatos, se intente “politizar” a xestión do Concello de Lugo “a alcaldesa socialista e o vicealcalde do BNG queren facer o cesto a súa medida”. O popular explicou que, na nova RPT, se abusa dos postos de libre designación xa que “se pasa dos tres que existen na actualidade a catorce”.
O voceiro popular interpreta que “con esta designación a dedo intentan blindar unha garda pretoriana que traballe ao seu ditado”. Carballo cuestiona que “se rache de raíz cos criterios de obxectividade, imparcialidade e independencia da administración públicoa”. “Dos 14 postos de libre designación, salvo o da secretaría de alcaldía, e a auxiliar de secretaría, que son lóxicos, o resto deberían ser por concurso”, matizou.
Por outra banda, o voceiro do PP pregúntase de onde obteñen os fondos para a suba xeralizada dos soldos da práctica totalidade do cadro de persoal do Concello de Lugo xa que non hai dotación orzamentaria polo que “agardamos que esta RPT estea avalada polos informes técnicos correspondentes”.
Carballo tamén expresou o seu temor de que a RPT non solucione problemas reais do funcionamento diario dalgúns servizos municipais.“O bigoberno progresista mantén a fórmula das privatizacións xa que non hai reforzos nin en cultura, nin no servizo de augas, tampouco hai reforzos para cubrir ratios de policía e bombeiros; nin se contempla máis persoal en servizos sociais malia que están saturados; desmantélase a brigada de sinalización e mesmo nin planifican para que haxa persoal suficiente para facer os enterros no cementerio de San Froilán os domingos”.
Dec 09, 2019 - 06:07 PM
Coma a Deputación, PePeira traspasada de país a fillo, de Ourense? Dame a risa, jajajajaja
Dec 09, 2019 - 05:11 PM
Xa estamos…………
Dec 09, 2019 - 01:47 PM
En lugar de criticar se vos puxerades a traballar….