Se hai unha aposta clara en Lugo pola arte cinematográfica da provincia e de Galicia, é, sen lugar a dúbidas, o Codex Cinema. As únicas salas de cine independente da cidade intentan ser o escenario no que expoñer a todos os creadores lucenses e galegos. Así, ademáis de deixar as súas instalacións para amosar as obras plásticas, fotográficas e pictóricas de numerosos artistas, os Codex intentan achegar á veciñanza todas as obras cinematográficas con selo da nosa provincia.
Así, esta fin de semana, a sala aposta por un talento puramente lucense que triunfa dentro e fóra das fronteiras galegas. Isto é, ademáis do exitazo do filme de Oliver Laxe, O que arde, que conta xa con catro nominacións aos Goya e máis de 7.000 espectadores, e de Longa Noite, de Eloy Enciso, que fixo na súa primeira fin de semana en cartel máis de 300 visualizacións; os Codex estrearán este venres e en exclusiva na cidade Eroski Paraíso, unha adaptación de Jorge Coira da peza teatra co mesmo nome de Chévere; os protagonistas? Os galegos Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo.
Outro lucense de excepción, Luis Tosar, é o protagonista doutro dos filmes que chega esta semana aos Codex. Intemperie, nominada a 5 premios Goya e que competirá contra O que arde na categoría de Mellor película, é un drama situado na posguerra española que roza o thriller psicolóxico e o western para adaptar a novela homónima de Jesús Carrasco.
Ademáis da indubidable aposta pola terra que fan dende os Codex, as salas proxectarán esta semana tamén o filme Os dous papas no que un gran Anthony Hopkins métese na pel de Benedcto XVI para explorar a relación que mantén co Papa Francisco e que narra os últimos acontecementos que sacudiron á Igrexa Católica.
Sen dúbida unha carteleira para todos os gustos e con gran sabor galego.