UUAA denuncia un recorte de 13M€ en axudas agrogandeiras na Montaña

Unións Agrarias vén de denunciar esta mañá en rolda de prensa, o impacto do recorte nas axudas a percibir por agricultores e gandeiros da provincia de Lugo, que supón a proposta de modificación do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 (PDR), enviada pola Xunta a Bruxelas o pasado 19 de novembro.

Nesa proposta de modificación se retiraron 22,83 millóns de euros, previstos para ser ingresados ata decembro de 2020 ás explotacións con limitacións naturais, como as de montaña, dentro da chamada Medida 13 do PDR, ou Pagos a Zonas con Limitacións Naturais e outras limitacións específicas.

Na provincia de Lugo, isto supón un recorte de 13,22 millóns de euros, que deberían de estar ingresados nas contas das explotacións con data límite de decembro de 2020, segundo estaba programado e aprobado antes desta proposta de reforma, enviada a Bruxelas. Segundo denuncia o sindicato, a Xunta “en vez de buscar un mecanismo para transferir este importes ás explotacións antes do fin de 2020, preferiu recortar esta partida”.

Así 3.058 explotacións familiares de Lugo terían percibido 12,7 millóns de euros en concepto de axudas a explotacións de montaña, e 6.711 explotacións da provincia de Lugo terían percibido 2,25 millóns de euros en concepto de axudas a zonas con limitacións naturais distintas de montaña.

Isto prexudica, segundo explican, especialmente ás comarcas do interior e da montaña, onde as explotacións de Concellos como Guitiriz ou Láncara verán recortados 1.040.00 euros e 974.00 euros respectivamente. Outros exemplos notables serían concellos de montaña como Cervantes onde 123 explotacións familiares deixarían de percibir 512.000 euros ou Becerreá, onde 113 explotacións percibirán 470.000 euros menos. Supoñen recortes importantes nas economías familiares destas zonas que precisan das axudas complementarias de reforzo á renda para sobrevivir.

Segundo o colectivo, estas axudas deseñadas pola Unión Europea para compensar perdas de ingresos e costes adicionais por limitacións naturais “deberían de ser unha prioridade da Xunta de Galicia se realmente queren buscar a viabilidade do rural”.

Unións Agrarias denuncia igualmente que a proposta de modificación da Xunta enviada a Bruxelas, garante unicamente a continuidade desta liña de axudas, para o vindeiro ano electoral 2020, fiando o futuro das axudas a reformas do Orzamento da Comisión que aínda non están definidos nin aprobados no seu detalle, e que poderían non estar en prazo. No anterior período de programación esta mesma estratexia da Xunta, en palabras de UU.AA., “supuxo que non se puideran convocar as Axudas Agroambientais durante dous anos, o que podería repetirse tanto coas axudas dos da Medida 13 do PDR, Pagos a Zonas con limitacións Naturais a partir do ano 2021, como as propias da Medida 10 Agroambiente e Clima”.

Así, de repetirse algún imprevisto na programación da Comisión e na redacción dos novos Regulamentos da UE, a proposta de refinanciamento para os anos 2021, 2022 e 2023, tanto de pagos a Zonas con Limitacións Naturais como as de Agroambiente e Clima quedarían sen convocarse por falta de respaldo financeiro. “Unha actitude totalmente irresponsable por parte da Xunta, que xoga á ruleta rusa co futuro das explotacións de montaña”, denuncian dende o colectivo.

“Polo tanto de fallar as previsións da Xunta para a renovación destas axudas, como nos anos 2014 e 2015, as explotacións de Lugo perderían arredor de 5.200 euros por cada ano de retraso para a súa posta en marcha. Non se entende por que a Xunta ten asegurada a execución das distintas medidas do PDR ata o ano 2023, co remanente de fondos non executados do periodo 2014-2020, deixando fóra desa programación precisamente estas dúas Medidas 10 e 13 do PDR. As de mais calado social do PDR vixente, que supoñen pagos complementarios que reforzan as rendas das explotacións máis vulnerables da provincia, especialmente nas zonas de montaña, e que en moitos casos teñen unha rendabilidade inferior as rendas de referencia do Salario Mínimo Interprofesional”, cuestionan.

Por todo elo, Unións Agrarias solicitou da Comisión Europea, que rexeite a proposta de modificación do PDR de Galicia 2014-2020, enviada pola Xunta a Bruxelas o pasado 19 de novembro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com