Medio Ambiente axuda con 270.000 euros á posta en valor das seis Reservas da Biosfera de Galicia

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou hoxe no DOG a resolución cos 16 concellos beneficiarios da orde de axudas para a realización de estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica nos espazos que forman parte da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia. En total, concedéronse 270.173,83 euros en subvencións, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Cómpre subliñar que este foi o primeiro ano que a Xunta puxo a disposición dos concellos localizados nalgunha das seis reservas da biosfera da comunidade unha liña de subvencións específica dirixida a potenciar e poñer en valor este tipo de espazos naturais. E de cara ao vindeiro exercicio, os orzamentos da Consellería volven contemplar unha partida co mesmo fin, polo que haberá unha nova convocatoria dirixida a colaborar cos concellos na potenciación destas zonas.

A orde enmárcase nas axudas recollidas no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia para o período 2014-2020 e está cofinanciada con fondos europeos. A finalidade é promover a conservación e valorización do patrimonio natural e cultural de zonas rurais cun contrastado valor, como as reservas da biosfera, unha figura de carácter internacional creada pola Unesco para mellorar a relación das persoas coa súa contorna natural.

A convocatoria se fixo aberta aos 64 concellos incluídos no ámbito territorial das seis reservas da biosfera que existen en Galicia: Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá (ambas na provincia de Lugo); río Eo, Oscos e Terras do Burón (tamén en Lugo pero compartindo territorio co Principado de Asturias); Área de Allariz (en Ourense); As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (A Coruña); e Xurés- Gerês (a única reserva da biosfera transfronteiriza entre Galicia e Portugal).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com