O Concello de Lugo vén de anunciar a instalación dun Punto Violeta durante a noite de Fin de Ano “igual que nas festas de San Froilán farase cargo a Cruz Vermella da súa atención e estará situado na Praza Maior durante toda a noite” explicou a edil titular de Cultura que engadiu que “o obxectivo é contribuir a previr situacións de acoso ou violencia machista e atender a posibles vítimas”. Todas as persoas que o desexen poderán achegarse a recibir información ou comunicar calquera tipo de situación de acoso sexual. Ademais repartiranse folletos informativos.
A representante municipal estivo acompañada do Presidente da Asociación Provincial de Hostalaría de Lugo, Cheché Real, e do Presidente da Asociación de Radio-Taxi de Lugo. Ámbalas dúas asociacións implicaranse, a través dos seus asociados para evitar e atender casos de acoso ou violencia machista. “Sabemos que, tanto no sector do taxi como no da hostalaría, xa se ven prestando atención para evitar agresións por iso queremos contar formalmente coa súa colaboración”, explicou a edil. Distribuirase, entre taxistas e hostaleiros, información de cómo actuar no caso de presenciar algunha agresión ou de que algunha muller requira a súa axuda por sentirse acosada.
“As violencias sexistas son moi variadas en relación aos ámbitos e espazos nos que se producen pero sabemos que momentos como a noite de fin de ano son especialmente proclives a este tipo de situacións”, sinalouse dende o goberno local, “debemos concienciar e sensibilizar para modificar e erradicar actitudes e comportamentos sexistas nos espazos de ocio, creando así espazos libres de agresións onde todos es todas poidamos gozar das festas libremente e con tranquilidade”.
Dec 13, 2019 - 09:53 PM
Pasou