A Deputación de Lugo abre mañá o prazo de inscrición no plan de emprego xuvenil para fixar poboación Prende! Bota raíces no rural. O programa está dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos, apuntados no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e empadroados nalgún dos 58 concellos lucenses que teñan menos de 5.000 habitantes, ou entre 5.000 e 10.000 cun saldo demográfico negativo. Os interesados terán un total de 15 días hábiles para formalizar a inscrición, ata o 9 de xaneiro, e poderán facelo de forma presencial no Pazo de San Marcos ou a través da sede electrónica, https://sede.deputacionlugo.org/.
Xunto á solicitude deberán achegarse os seguintes documentos: DNI ou NIE do solicitante e do representante de ser o caso; currículo actualizado; certificado de empadroamento a data da solicitude; xustificante de inscrición no ficheiro do Sistema de Garantía Xuvenil; declaración responsable do participante ao inicio da actuación asinado; certificacións de estar ao corrente das obrigas tributarias (Axencia Estatal e Autonómica), Seguridade Social e Deputación de Lugo, só no caso de non autorizar a súa comprobación; certificado da conta bancaria onde conste como titular o solicitante.
A selección dos mozos e mozas beneficiarias farase mediante unha Comisión de Valoración que estará composta por tres empregados públicos da Deputación. A avaliación terá dúas fases: a primeira de acordo aos datos da documentación aportada (antigüidade de inscrición no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, idade e formación); e a segunda en base a unha entrevista persoal (actitude, idoneidade e motivación). O prazo para resolver e notificar será de seis meses, que se computarán dende a entrada da solicitude no rexistro.
Os seleccionados formarán parte dunha primeira etapa de formación, que se levará a cabo por sectores: enerxías renovables (que se impartirá na Mariña), xestión forestal (na Montaña), hostalería e turismo (Ribeira Sacra), e agricultura e gandería (zona centro). Nesta fase de aprendizaxe, os participantes comprométense á asistencia e aproveitamento da preparación recibida e haberá unha proba de coñecemento por cada acción formativa. Por cada xornada de formación de cinco horas o participante recibirá 13,45 euros e a Deputación entregará tamén un diploma de asistencia ao final deste período.
Despois da primeira fase de formación, desenvolverase unha segunda de experiencia laboral, na que a Deputación concederá axudas a empresas vinculadas cos anteriores sectores produtivos para que contraten durante 8 meses aos mozos e mozas que recibiron a formación, e poidan así adquirir experiencia laboral. O importe da axuda que recibirán as empresas será de 4.410€ por cada persoa contratada. Os traballadores e traballadoras percibirán como mínimo 900€ ao mes. Ademais, a aqueles participantes no programa que decidan emprender, a Deputación concederalles unha axuda de 5.510€ para poñer en marcha o seu proxecto empresarial.
Dec 16, 2019 - 11:55 PM
Outro engana bobos!!!!!!!!!
Dec 16, 2019 - 10:18 PM
Una buena iniciativa tiene que haber más así por parte de otros organismos.