Balseiro traslada á asociación Itíneris o proxecto para o impulso cultural da cidade

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado polo xefe territorial da Consellería de Presidencia, Ramón Carballo, mantiveron hoxe unha reunión con representantes da asociación Itíneris, o colectivo que agrupa aos empresarios e comerciantes do barrio da Tinería, para trasladarlles o proxecto integral, deseñado polo Goberno Autonómico, para o impulso do turismo cultural da cidade de Lugo.

A proposta da Xunta, que foi ben acollida polo colectivo de comerciantes, inclúe accións especialmente interesantes para este barrio que nos últimos anos está a beneficiarse de múltiples iniciativas de rehabilitación e recuperación, baseadas fundamentalmente en materia de vivenda e que se complementarían con novos servizos e atractivos culturais.

En concreto, a Xunta quere rehabilitar tres bens senlleiros como son o Pazo Doña Urraca e a Casa-Torre (tamén coñecido como antigo Hospital de San Miguel), ambos na Tinería, e recuperar o Cuartel de San Fernando, a escasos 10 minutos a pé do barrio.

De materializarse a proposta da Xunta, o pazo de Doña Urraca pasaría a ser a primeira sede, fóra de Santiago, do Centro Galego de Arte Contemporánea, coas vantaxes que esta iniciativa traería desde o punto de vista do turismo cultural, pois achegaría ata as rúas do barrio persoas interesadas nas exposicións puntuais e tamén a moitos artistas locais que poderían expoñer as súas obras nun espazo específico destinado a este fin.

Por outra banda a Casa-Torre, unha das poucas edificacións con estas características que existen, sería a nova sede da oficina de Turismo da Xunta, con acceso directo desde o adarve da Muralla, e incluiría un espazo de referencia da enogastronomía lucense e as instalacións administrativas da asociación provincial de empresarios de hostalería. Este inmoble, de orixe medieval e de estrutura singular é un dos máis antigos da cidade.

Pero, segundo o plan da Xunta, o proceso de revitalización do barrio Tinería tamén conseguiría un pulo coa creación do novo Parador-Museo no Cuartel de San Fernando. O casco histórico lucense atraería novos turistas, con máis postos de traballo vencellados ás novas actividades e suporía un revulsivo para o comercio e a hostalería da zona, hoxe en retroceso.

“A oferta cultural de Lugo daría un paso de xigante se integramos todas estas novas iniciativas nunha ampla rede, que incluiría tamén o Museo interactivo da historia de Lugo, o Mihl, como centro de referencia da romanización. Os turistas contarían cunha ampla oferta que implicaría coñecer diversos puntos da cidade, e desprazarse entre eles con pouco esforzo, co consecuente impacto positivo na actividade cultural e comercial”, insistiu Balseiro.

Cómpre lembrar que o plan da Xunta vén avalado por un estudo técnico que acredita a súa capacidade de dinamización económica da cidade. Só o Parador-Museo xeraría emprego e un impacto económico estimado no primeiro ano de 1,6M€. Ademais de achegar un segmento turístico ata o de agora non aproveitado na cidade, cun perfil máis internacional, de longa estancia e con maior ocupación media.

A xuntanza enmárcase na serie de encontros iniciada desde a administración autonómica para trasladar aos principais colectivos cívicos da cidade o ambicioso proxecto da Xunta para reformular a proposta museográfica e turística da cidade e poñer en valor o legado da romanización.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com