O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que coa posta en marcha da Torre de Control de Rozas, a máis avanzada tecnoloxicamente de España, o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) aspira a converterse nun organismo de referencia en Europa para a certificación de avións non tripulados.
Durante o acto de inauguración, Feijóo subliñou que nesta infraestrutura, cuxo coste ascende a preto de 5 millóns de euros -1,57 millóns licitados a través da compra pública innovadora-, conflúen tres aspectos básicos imprescindibles para o desenvolvemento das operacións: seguridade, instrumentación e supervisión da operación, completando o CIAR que conta cunha área de 313 hectáreas, cunha pista de 1.200 metros de longo e 45 de largo e cun hangar de 40×40 metros.
Deste xeito, e grazas ás infraestruturas desenvoltas, Rozas ofrecerá un servizo integral innovador e completo para a realización de ensaios de plataformas aéreas. Non en van, a tecnoloxía implementada permitirá ofrecer ás empresas servizos de alta cualificación como un centro de seguridade e control de voo.
Ao longo da visita, o presidente da Xunta aseverou que con esta torre de control dáse un novo pulo a un sector aeroespacial que no último ano medrou un 8% e que hoxe está formado por 40 empresas e máis de 1.200 profesionais. “E o noso compromiso é seguir apoiando este polo aeroespacial con máis de 15 millóns incluídos nos orzamentos do vindeiro ano”, confirmou, co obxectivo de seguir impulsando o crecemento económico de Galicia a través dun sector cun elevado grao tecnolóxico, atraer investimento á Comunidade e crear emprego especializado.
Como proba deste compromiso, Feijóo lembrou que as administracións –o Goberno galego, ademais do Ministerio de Ciencia e o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial- xunto a máis de 50 empresas e centros de coñecemento están a desenvolver máis de 35 proxectos. As empresas tractoras de primeiro nivel –Indra, Babcock e Boeing- achegan áis de 75 millóns e do orzamento total que ascende a 165 millóns, máis de 96 millóns xa están executados; e máis de 382 persoas traballan nesta iniciativa, baixo a previsión de que haxa 500 traballadores altamente cualificados traballando.
Dec 18, 2019 - 07:32 PM
Bueno…….! Eso xa se verá, de momento uns poucos a chupar da teta da administracion