Os Bolechas celebran o Nadal, sen neve e moi preocupados polo quecemento do planeta, no marco das propostas de dinamización lingüística do programa Nadal en Rede impulsado pola Rede de Dinamización Lingüística. A Xunta, Edicións Bolanda, Gadis e a TVG presentaron hoxe a xa tradicional xira que levará os irmáns animados máis famosos de Galicia a oito concellos do 21 ao 30 de decembro.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto e sinalou na súa intervención que Os Bolechas, “que falan sempre en galego e son o mellor referente galegofalante para a cativada, son tamén unha das propostas máis divertidas coas que encher as programacións municipais destinadas ao lecer das familias e da xente miúda e un dos mellores motivos cos que galeguizar a celebración destas datas”.
Participaron canda el Tomás Valín, responsable de Bolanda Edicións; Antonio Cortés, director de Mercadotecnia de Gadis, e Xaime Arias, director de Proxección Social da CRTVG. O acto contou coa asistencia dun grupo de 41 alumnos e alumnas do compostelán CEIP Mestre Rodríguez Xixirei da Lavacolla.
A proposta teatral con monicreques manipulados arranca este mesmo sábado, 21 de decembro, en Curtis e, na nosa provincia, poderase gozar o sábado 28 na Pobra do Brollón (na Casa da Cultura Olga Novo, ás 18,00 horas).