O PP desvelou esta mañá outra subvención “malograda” en 2019 pola mala xestión do bigoberno. Neste caso, segundo denunciou o partido popular, PSOE e BNG perderon 25.043,23 € dunha axuda para equipamento de escolas infantís que concedía a Xunta.
As obras afectan ás escolas infantís de Gregorio Sanz, Serra de Outes, María Wonenburger e Luis Soto Menor, concretamente á execución de tronas de obra, pavimentación de patios con caucho, adaptación en taquillas ou almacéns para gardar material e xoguetes, entre outras.
Tamén solicitaban subvención para adquirir 6 berces de evacuación, unha casa multiactividades e mobiliario diverso por un montante de 3.697,98 €. A edil popular Cristina Abades destacou que dentro desta subvención, que o bigoberno “foi incapaz de xustificar en tempo e forma”, tamén tiñan a posibilidade de adquirir dispositivos de novas tecnoloxías como proxectores, pantallas e ordenador portátil, por un montante de 2373,75 €.
A concelleira popular lamenta que “se repitan os mesmos erros e que as consecuencias as paguen os cidadáns”, lembrando que en 2018 o Concello de Lugo perdeu, como mínimo, subvencións doutras administracións por un importe de 239.577 € por non ter presentada en prazo a Conta Xeral.
Os populares, que amosaron a súa “preocupación” polas numerosas axudas que están quedando no camiño pola incompetencia do bigoberno, solicitarán “que o equipo de goberno nos informe das subvencións perdidas nos distintos departamentos municipais”. “Desde o PP pedimos que consten as axudas que se malograron así como aquelas subvencións ás que non se puideron optar ao longo dos anos 2018 e 2019 explicando as contías, así como os motivos polos que se perderon”.