O Goberno local aproba a construción dunha nova estación de servizo en San Cibrao

O executivo local aprobaba esta mañá en Xunta de Goberno a concesión dunha licenza para demoler as edificacións existentes nunha parcela de San Cibrao e proceder á construción dunha estación de servizo para venda de carburantes a vehículos.

As instalacións contarán cunha zona exterior de repostaxe, composta por tres surtidores dobres de combustible Gasóleo A, Diésel + 10, Gasolina 95 e Gasolina 98 e depósito de 3.000 litros de AdBlue, ademais doutros dous enterrados baixo este espazo.

O complexo disporá, asemade, dun edificio auxiliar de dúas plantas, a baixa para tenda, zona de lavado manual de automóbiles e túnel automático de lavado e, a alta para oficinas e terraza, alén doutra construción para cafetería – restaurante con almacén, vestiarios e lavandería.

O edil Miguel Couto explica que “a urbanización do predio inclúe, á súa vez, o acondicionamento de accesos, superficie de aparcadoiro para 68 prazas e zonas axardinadas. O proxecto ten un orzamento de 980.252’99 euros e un prazo de execución de ano e medio”.

O concelleiro sinalou tamén que na reunión desta mañá, acordouse legalizar as obras xa executadas nun inmoble da rúa Tui, no que se investiron 13.004’98€ para acondicionalo como centro de servizos dunha empresa de telecomunicacións.

“Por outra banda, autorizáronse dous parcelamentos de terreos, un no núcleo rural de Castelo de Abaixo e outro na parroquia de Santiago de Piúgos e se outorgaron dúas licenzas para instalar ascensores, un deles nun edificio de Doutor Gasalla, cun presuposto de 58.406’83€ e o outro na Rúa Río Ser, por importe de 38.931’82€. Obras, ámbalas dúas, que deberán estar rematadas en 18 meses”.

O responsable de Urbanismo Sostible referiu tamén que na sesión de hoxe foi declarado deserto o anterior procedemento para a contratación dunha asistencia técnica para a elaboración dun proxecto de modificación puntual do PXOM no ámbito da URPI -58, en execución de sentenza, e, igualmente, procedeuse á aprobación do prego de condicións técnicas para a mesma licitación así como o gasto de adxudicación.

“Os cambios que se introduciron foi a modificación do prezo do contrato, que se incrementa en 4.704’52 euros, pasando dos 22.617’84€ do anterior procedemento, aos 27.322’36€ que se propoñen agora dende os servizos xestores que son os de arquitectura e urbanismo e, así mesmo, se varían levemente os criterios de solvencia económica e técnica, aos efectos de facilitar o acceso a máis licitadoras”.

Noutra orde de cousas, a Xunta de Goberno daba o visto e prace aos convenios reguladores das subvencións nominativas concedidas dende a área de Muller a un total de 14 entidades e asociacións locais durante o exercicio en curso, por un importe total de 32.360 euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com