Estou convencido que, a non tardar, os coches será cada vez máis automáticos, tendo nas beiras das estradas dispositivos “inteligentes” que permitan na práctica unha viaxe sen intervención do condutor. E como se o seu automóbil fose un prototipo, estou case convencido de que moi axiña poderei ir automaticamente dende o centro de Lugo ata o Hospital, ata o Hula, polas veces que teño feito o percorrido, especialmente nestes últimos tempos.
E cada vez que chego ao Hula recreo a vista nas instalacións e nas xentes, nos milleiros de persoas que pasan por alí todos os días, nas longas avenidas, na discreción das habitacións só interrompida polos que coma min, imos de visita e acabamos estorbando. A visita ao Hula debería ser incluída nun percorrido turístico pola cidade, como un elemento de avance na asistencia sanitaria, con todas as carencias que poida ter, con todos os defectos que cadaquén –pola propia experiencia- poida apreciar.
Porque a min paréceme que o peor problema que ten o Hula neste momento en que se nos vendeu de xeito axeitado (vender no sentido de presumir del categoricamente que servizos imos ter e cando, cando imos ter a Hemodinámica as 24 horas do día- se é que a imos ter – e conseguir que o Hula deixe de ser banderín de enganche de toda forza política que desemboca na área electoral lucense.
Hai uns días que o Candidato Orozco – que ademais é o alcalde – anunciou que vai facer campaña coa colocación de banderolas na propia casa do concello, no máis puro estilo de “rostro impenetrable” que acuñou Marlon Brando en 1961. Colgar banderolas da casa consistorial. E o Presidente da Deputación prometeu correr cos gastos da Hemodinámica se a Xunta non afronta esta carencia. E nós, no medio, pedindo que non teñamos que ser atendidos parte do Hula. Hai que ver a que cousas nos obrigan unhas eleccións municipais. E eu pregúntome ….. De verdade, ¿iso dará votos?. Sigo indo asiduamente ao Hula, a ver se o meu coche vai aprendendo o camiño.
Xulio Xiz.