A Xunta de Goberno provincial aprobou hoxe a sinatura de convenios de colaboración da Deputación con cinco entidades de Mondoñedo, Viveiro, Cospeito, Foz e Lugo por un importe conxunto próximo aos 240.000€.
Por un lado, a Deputación firmará un convenio de preto de 150.000€ co Concello de Mondoñedo para a mellora de diversas vías: nos núcleos de Cesuras, Curuxeiras, San Pedro, Cabana, Vilar e entre a LU-124 e o barrio O Couto de Outeiro. A Deputación tamén aprobou un convenio co Concello de Viveiro por case 17.000€ para a redacción do proxecto técnico das obras de urxente necesidade no cemiterio municipal.
Por outra banda, a Xunta de Goberno deu o visto bo a convenios co Club Sociedade Deportiva Muimenta por importe de cerca de 30.000€ co fin de renovar a instalación eléctrica no campo de fútbol O Pichón da localidade; co Colexio Fundación Martínez Otero de Foz para a pavimentación do patio por 20.800€; e coa asociación de veciños, comerciantes e industriais da Milagrosa por importe de 20.000€ para sufragar os gastos dunha acción de dinamización e potenciación deste barrio emblemático de Lugo.