O Concello de Lugo vén de enviar ás asociación de taxistas e hostaleiros da cidade un protocolo de actuación para que as persoas asociadas poidan axudar na atención de casos de acoso ou violencia machista na noite de fin de ano.
Dende a área de Cultura do Concello, encargados de poñer en marcha esta iniciativa, son coñecedores de que tanto no sector do taxi como no da hostalería xa veñen prestando atención para evitar este tipo de agresións “por iso queremos contar formalmente coa súa colaboración”, explicou a titular da área.
Así, distribuirán, entre profesionais do taxi e da hostalería información detallada de como actuar no caso de presenciar algunha agresión sexista ou se algunha muller require a súa axuda por sentirse acosada.
Esta Medida, xunto coa instalación de un Punto Violeta durante a noite de Fin de Ano que “igual que nas festas de San Froilán farase cargo a Cruz Vermella da súa atención e estará situado na Praza Maior durante toda a noite” pretende contribuír a previr situacións de acoso ou violencia machista e atender a posibles vítimas. Todas as persoas que o desexen poderán achegarse a recibir información ou comunicar calquera tipo de situación de acoso sexual. Ademais repartiranse folletos informativos.
“As violencias sexistas son moi variadas en relación aos ámbitos e espazos nos que se producen pero sabemos que momentos como a noite de fin de ano son especialmente proclives a este tipo de situacións”, sinalou a concelleira de cultura e concluíu “debemos concienciar e sensibilizar a sociedade para modificar e erradicar actitudes e comportamentos sexistas nos espazos de ocio, creando así espazos libres de agresións onde todos es todas poidamos gozar das festas libremente e con tranquilidade”.