250 persoas foron contratadas este ano a través dos programas da Xunta

A Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu este ano preto de 2,3 millóns de euros en incentivos á contratación na provincia de Lugo. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, fixo hoxe balance dos programas destinados a este fin, que suman en concreto 2.277.700 euros e propiciaron a contratación de 247 persoas ademais do mantemento dos postos de traballo en 17 centros especiais de emprego.

O groso do investimento corresponde a contratos por conta allea realizados ao abeiro dos programas de apoio á contratación de xente moza, mulleres, parados de longa duración e persoas con discapacidade. Igualmente, promóvese o emprego en cooperativas e a responsabilidade social empresarial, fomentando medidas de conciliación e de igualdade nas empresas.

O delegado subliñou que a Xunta convoca anualmente este tipo de liñas de axuda “para incentivar a creación de emprego nas empresas, prestando especial atención aos colectivos con máis dificultades de inserción e apostando por fórmulas como o cooperativismo”.

Na mesma liña, engadiu que o obxectivo é “crear emprego de calidade, primando a contratación indefinida e impulsando a responsabilidade social das empresas para que invistan en medidas de flexibilidade, conciliación e igualdade, entre outras”.

En detalle, o programa con máis achegas foi o destinado a fomentar a contratación de mulleres desempregadas, con 62 axudas que sumaron 490.000 euros de orzamento. Inclúe dous tipos de axuda compatibles: un bono que subvenciona a contratación indefinida inicial, a contratación temporal cunha duración inicial mínima de 12 meses, ou a transformación de contratos temporais en indefinidos, e outro bono de formación para as mulleres contratadas por medio desta orde.

A segunda liña de axudas, por volume de solicitudes, é a de fomento do emprego e formación de persoas menores de 30 anos, que distribuíu na provincia de Lugo 208.500 euros entre 43 expedientes. O programa para incentivar a contratación de parados de longa duración suma 291.500 euros para 26 expedientes, e o de fomento da contratación de persoas con discapacidade rexistrou 32 axudas que suman 272.000 euros.

A Xunta tamén apoia aos centros especiais de emprego, empresas que teñen como finalidade asegurar un emprego remunerado para as persoas con discapacidade. Destináronse 594.700 euros a 17 empresas que teñen esa consideración e, ou ben son da provincia ou dispoñen de centros de traballo en Lugo.

Polo que respecta ao fomento do emprego nas cooperativas, este programa rexistrou achegas por importe de 346.800 euros en 53 expedientes, a práctica totalidade para a incorporación de novos socios.

Por último, 14 empresas recibiron achegas para a inclusión de boas prácticas relativas á conciliación, medidas de igualdade e de mellora da responsabilidade social empresarial. As axudas alcanzan os 74.200 euros.

En canto á distribución territorial, unha boa parte das axudas concéntranse na comarca de Lugo, e en concreto no concello da capital. Así, Lugo asume 813.900 euros e 91 expedientes (70 deles na capital cun importe de 611.800 euros). As comarcas do Sur (Lemos, Quiroga e Chantada) alcanzan os 48 expedientes e 299.500 euros de orzamento. A Mariña rexistra 32 expedientes e 276.000 euros. A Terra Chá suma 23 expedientes e 171.100 euros. E Sarria 10 expedientes e 107.300 euros.

Tamén se rexistran achegas noutros concellos da provincia, e mesmo hai 9 expedientes, que suman investimentos por valor de 364.500 euros, que corresponden a empresas con centros de traballo na provincia pero sede social en cidades como Santiago de Compostela, Madrid, A Coruña, Gijón ou Vigo.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Carlos Fernandez Peleteiro
    Dec 30, 2019 - 09:16 PM

    Donde….. Donde

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com