A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, convida á veciñanza da zona de A Garaballa a unha reunión informativa sobre o primeiro barrio multiecolóxico de España, que se levantará nesa zona, no marco do programa LIFE impulsado polo Concello e co que Lugo é pioneiro no deseño das cidades sostibles.
Á xuntanza, que será mañá, xoves, 9 de xaneiro, ás 19.00 horas, no CEI Nodus, tamén acudirá o concelleiro de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, e representantes da empresa que está a desenvolver as bases da planificación do barrio, a UTE Avento-Proy.
O novo barrio, que se desenvolverá en dous sectores da Garaballa, busca garantir a inclusión e a equidade social e interxeracional, así como promover a saúde e o benestar mediante o desenvolvemento dunha aldea urbana que proporcione á veciñanza un abano amplo de usos no barrio: vivenda, transporte, instalacións e servizos recreativos e comunitarios, espazos públicos e pequenos comercios.
As zonas verdes e espazos libres previstos, de 147.000 m2, suporán cinco veces máis da superficie fixada no PXOM, así como a superficie destina a equipamentos, de 30.000 m2, que duplica o previsto no Plan Xeral.
As solucións que se prevén desenvolver van dende a recollida de auga de choiva para a súa reutilización, por exemplo no rego das zonas verdes, ata a implantación dun sistema propio de reutilización da fracción orgánica do lixo. No deseño das edificacións esixirase a inclusión de criterios bioclimáticos e de eficiencia enerxética, e contará con medidas para a xeración de enerxía renovable, o fomento da mobilidade sostible, o uso de materiais e tecnoloxías limpas e o aforro enerxético, orientando os viais, zonas verdes ou edificios para aproveitar o sol e os ventos dominantes.
O Proxecto LIFE Lugo + Biodinámico é un dos piares do modelo de cidade que impulsa o Goberno de Lara Méndez, que une de xeito indisoluble o desenvolvemento urbanístico e a sostibilidade económica. O obxectivo é situar a Lugo como un referente europeo na loita contra o cambio climático en contornas urbanas, ao tempo que se promove un novo modelo produtivo baseado no desenvolvemento de todo o potencial dos recursos naturais dispoñibles, apostando firmemente por unha economía sostible e a xeración de empregos verdes.
Neste proxecto cofinanciado pola Unión Europea, o Concello de Lugo está acompañado da Deputación de Lugo e tamén conta co labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidad Politécnica de Madrid. Toda a información relativa ao proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, as súas actividades e accións de divulgación está recollida na web lugobiodinamico.eu e nos espazos en redes sociais do proxecto europeo.