Ningún grupo de cazadores nin federación nin cuadrilla acudiu como acusación no procedemento que segue o Xulgado de Instrución nº1 de Chantada contra o individuo que tiroteou e arrastrou a unha cadela supostamente en contexto de abandono, e que conmocionou á sociedade galega, chegando mesmo a medios de comunicación internacionais.
O animal, que faleceu días despois do terrible suceso e deixou a seis cachorros de poucos días, fíxose tristemente famoso pola difusión dun vídeo onde o suxeito agora imputado arrastrábao sen ningún tipo de miramiento e sen cesar na súa actitude a pesar de estar a ser gravado e das peticións da persoa que portaba o teléfono móbil.
Aínda que organizacións como a Federación Galega de Caza e a Federación Española de Caza afirmaron que presentarían unha querela e chegaron a desvincular ao individuo coa actividade cinexética, obviando que a propia Garda Civil confiscou a arma e que a xuíza prohibiu a tenza de armas e animais como medida cautelar, non existe constancia de que ningunha destas federacións acudise aos xulgados, como si fixeron varias protectoras.
A Asociación Animalista Libera lamentou o “cinismo” destes grupos minoritarios que, empregando aos medios de comunicación para lavar “a súa denostada imaxe pública”, obstaculizaron todos e cada un dos avances que se deron en materia de benestar animal en Galicia, chegando a defender os crueis colares de descargas eléctricas ou as mutilacións de orellas e rabos, prohibidas finalmente na comunidade.
“Tampouco moveron un dedo os cazadores para sumarse á proposta de reforzar os requisitos para obter unha licenza de caza en Galicia nin para esixir máis seguridade en batidas, como a realización regular de controis de alcoholemia por parte de Garda Civil ou Axentes Medioambientais en calidade de policía xudicial”, denuncian os animalistas.