A Xunta e o Círculo das Artes intensifican a súa colaboración en prol da cultura lucense

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuniuse hoxe en Lugo co presidente do Círculo das Artes, Miguel Ángel Caraduje, co que asinou un protocolo de colaboración que permitirá deseñar e realizar actuacións culturais nesta importante institución da cidade da Muralla.

O acordo, tal e como salientou o titular de Cultura e Turismo, inclúese no compromiso da Xunta de Galicia co fomento da cultura lucense e é unha actuación que pon de manifesto a vontade do Goberno galego “para colaborar no desenvolvemento dunha programación cultural de calidade da que poidan gozar tanto os lucenses como todos os visitantes desta cidade”, destacou.

Así, co obxectivo de incentivar a programación cultural no Círculo das Artes, crearase unha comisión que estará integrada por representantes de ambas institucións e cuxo obxectivo sexa aprobar un plan de actuacións culturais. “No marco deste acordo, desde a Xunta comprometémonos a apoiar e colaborar na difusión pública das actividades que se leven a cabo nesta entidade”, avanzou Román Rodríguez.

Pola súa banda, o Círculo das Artes de Lugo asume o compromiso de establecer unha programación de actividades culturais que repercutan na promoción cultural e creativa de Lugo e de difundir e levar a cabo esta axenda de actividades. A sinatura deste protocolo de colaboración está enmarcada na aposta da Xunta de Galicia para poñer en valor os recursos culturais e artísticos da cidade lucense. “Lugo é unha cidade cunha importante relevancia cultural, pero estamos convencidos de que ten aínda moita marxe para seguir medrando e converterse nun destino cultural único”, explicou o titular de Cultura e Turismo.

Nesta mesma liña, Román Rodríguez salientou a proposta do Goberno galego de crear no Pazo de Dona Urraca a primeira sede do Centro Galego de Arte Contemporánea. Trátase dunha iniciativa que permitirá achegar a Lugo unha institución con máis de 25 anos de traxectoria e poñer en marcha un novidoso espazo dentro da proposta museográfica da cidade que acollería exposicións temporais de creadores locais, nacionais e internacionais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com