O Consello Xeral do Traballo Social (CGTS), organismo que aglutina a todos os colexios profesinais do Estado Español vén de manifestar o seu malestar por non existir un ministerio de Servizos Sociais.
A presidenta do CGTS, Emi Vicente afirma que unha das “fortalezas” do Sistema Público de Servizos Sociais é que hai “toda unha rede de atención nos 8140 municipios do Estado que interveñen e acompañan nos procesos persoais, familiares, grupais e comunitarios”. Por este motivo, Vicente cre que a configuración actual dos ministerios “é un paso atrás”. A presidenta sostén que “é tan importante como un ministerio de Seguridade Social, Educación ou Sanidade” xa que “é un sistema de protección imprescindible, universal, público, de calidade para a cohesión e a xustiza social”.
Por iso, desde o CGTS cren que o compromiso asinado polo PSOE e Unidas Podemos pola defensa do sistema público de servizos sociais como IV Pilar do Estado de Benestar “non serve” porque “invisibiliza esta pata e nin sequera a nomea cando é tan fundamental no Estado do Benestar como a Sanidade, a Educación e as pensións”.
Nesta liña Vicente cre que “se falamos de recuperación económica e social, é preciso outro modelo de convivencia no que o eixo central sexa a dignidade, a xustiza social e o respecto aos Dereitos Humanos e sociais”. Ao fío disto engade que “a defensa, a consecución e o desenvolvemento dos Dereitos Sociais vertébrase nun sistema público de servizos sociais que xa está creado pero que debe ser recoñecido para facer valer estes dereitos”.
Post Views: 0