Adega, en colaboración con Amigos do Patrimonio de Castroverde, organizan un novo roteiro polas parroquias de Furís e Páramo, dentro do programa Tecendo Redes, para o vindeiro domingo 19 de xaneiro. Cun desnivel aproximado de 300 m e unha lonxitude de 17 km, a duración prevista será dunhas 4 horas e media.
O roteiro comeza e remata ao pé da igrexia de Furís (San Estevo). A través de camiños rurais sen asfaltar na meirande parte do percorrido, os participantes poderán coñecer elementos de gran interese ambiental como son o carballal de Furís, algunhas árbores senlleiras e os afluentes do río Tórdea; e bens patrimoniais de gran valor histórico cultural como xacementos arqueolóxicos, igrexias, capelas e cruceiros, construccións etnográficas, e ademais camiñaremos nalgún tramo pola Vía Romana XIX.
Os participantes gozarán, asemade, de fermosas vistas da Fonsagrada, Ancares, as Terras do Páramo, Corgo ou Lugo. Dende ADEGA advirten que é preciso reservar praza e, para iso, establecen a data límite no xoves 16 de xaneiro ás 14 horas. Pódese facer ou ben chamando ao 982240299 ou a través da web roteirosadegalugo.wordpress.com.