O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, avanzou este martes que o Centro de Atención a Maiores da Fonsagrada comezará a funcionar a mediados de febreiro, dentro dun mes. Fíxoo durante a celebración da xornada de portas abertas organizada pola institución provincial para mostrar á veciñanza do municipio e da comarca da Montaña unhas instalacións que conta con 28 prazas e que dará emprego a 25 persoas da zona. “Só quedan as valoracións finais dos solicitantes das prazas -40- para poder ver esta casa habitada por unha gran familia”, dixo José Tomé.
Na súa visita, o Presidente estivo acompañado polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o Alcalde da Fonsagrada, Carlos López; ademais de outros rexedores da comarca, como o de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández, o de Navia de Suarna, José Fernández e o de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña.
Cunha superficie de 2.000 metros cadrados distribuídos en tres andares e soto, o centro da Fonsagrada contou para a súa construción, dotación de mobiliario e equipamento cun orzamento total de 2,37M€. Na planta baixa sitúanse os espazos comúns, como o comedor ou a sala de lectura e televisión, así como os servizos de enfermaría, cociña, lavandería, etc. Na planta superior están as 14 habitacións dobres con baños.
Os veciños e veciñas puideron coñecer o interior do centro e as súas dotacións, os servizos que se ofertarán e as actividades que está previsto desenvolver en cada unha das dependencias.
“Ademais das instalacións, outro aspecto moi importante son as persoas que moverán o motor día a día para que todas as persoas que vivan aquí estean ben”, destacou Tomé, sinalando que “a maior parte da xente que se incorpora a traballar no centro é desta zona, un factor moi importante, non só porque os usuarios e usuarias probablemente os coñezan, senón porque favorece que a xente nova se quede a vivir no rural gracias a un emprego estable“. Na xornada de portas abertas participou de feito parte do equipo que traballará no centro de maiores.
José Tomé asegurou ademais que é “unha gran honra ter contribuído xunto co Concello da Fonsagrada a que se cumpra o soño de Manuel Rois de la Peña, médico benefactor desta terra moi apreciado polos fonsagradinos, de legar aos seus veciños e veciñas un lugar para o coidado e a atención das persoas maiores”.
Coa apertura do centro da Fonsagrada, amplíase a rede de protección social da Deputación, que xa ten en funcionamento as residencias de Pol, Trabada e Ribadeo. No Orzamento deste 2020, a institución destina 9M€ aos centros de maiores, tanto aos que xa están en funcionamento, como á posta en marcha do da Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita, ademais de avanzar no equipamento das de Meira e Ribas de Sil.
PP: “Foi inaugurada en tres ocasións por tres presidentes”
Pola súa banda, e ante esta visita, o Grupo Provincial do Partido Popular agarda que “desta vez” a Deputación cumpra as previsións anunciadas, pois segundo indica o vicevoceiro, Javier Castiñeira, “foi inaugurada ata e tres ocasións e por tres presidentes diferentes”. Os populares consideran “que xa vai sendo hora de que fagan realidade a palabra dada nos últimos anos”, pois do primeiro acto inaugural xa pasaron máis de 4 anos; o que evidencia “que foron as liortas do PSOE e as triquiñuelas políticas que se trouxeron entre mans os socialistas as que provocaron que os usuarios aínda non puidesen entrar no centro”.