O catamarán Pelegrín I, afundido no Miño en Lugo, a altura da ponte de As Saamasas, o pasado 20 de decembro, permanece varado nun prado, propiedade da Deputación, en Begonte. O Grupo Provincial do Partido Popular cre que sobre o que aconteceu e acontece co catamarán ten que dar moitas explicacións o goberno provincial, presidido polo socialista José Tomé, “explicacións que necesariamente teñen que ser máis amplas e concretas que as ofrecidas en resposta a unha pregunta formulada no pleno polo PP”.
O deputado Óscar Poy solicitou esta mañá acceso ao expediente, e copia do mesmo, do procedemento de contratación dos traballos levados a cabo para rescatar a embarcación do Miño e o seu traslado a un punto accesible a un transporte especial, que o levou a Begonte.
Poy recorda que xa en xuño do 2018 a Deputación aprobou un contrato, por importe de 1.573 euros, para o izado do citado barco, que entón estaba fondeado, e seguidamente deixalo varado xunto a Escola de Piragüismo. “O caso é que tales traballos non chegaron a levarse a cabo e o 22 de novembro do 2019 aprobouse outro contrato para o izado do barco e traslado a unha nave da Deputación en Begonte, así como para o izado e traslado ás mesmas instalacións do catamarán Pelegrín III desde o embarcadoiro de Belesar; tampouco nesta ocasión se executaron os traballos, polo menos no que se refire ao Pelegrín I. Neste caso, o importe total aprobado era de 9.571 euros”. O 26 de decembro do 2019 aprobouse o contrato para o rescate do Pelegrín I, que estaba afundido no Miño, e o seu traslado ata un punto accesible para o transporte especial que finalmente o levou a Begonte; o importe do contrato aprobado foi de 9.680 euros.
Os populares consideran que a xestión de todo o relacionado con catamarán Pelegrín I é bo reflexo do desinterese co que actúa o goberno provincial, presidido por José Tomé. O barco permaneceu inactivo e practicamente sen mantemento durante case dous anos. Finalmente, acabou afundindo no Miño, incapaz o deteriorado catamarán de resistir a forte corrente consecuencia da intensa choiva rexistrada nesa temporada.
O Catamarán Pelegrín I foi presentado no Miño, na capital lucense, no ano 2003, polo entonces presidente da Deputación, Francisco Cacharro Pardo. Facía varias veces o recorrido entre Los Robles e Acea do Rei Chiquito.