Tivemos a oportunidade de coñecer con detalle o proxecto liderado pola Xunta para o impulso do turismo cultural da cidade de Lugo, da man do delegado territorial José Manuel Balseiro, nunha reunión coa nosa xunta directiva.
É un acerto que as administracións teñan a deferencia e valentía de abrir vías directas co tecido asociativo, para intercambiar opinións e para que poidamos coñecer de primeira man en que consisten os proxectos que nos afectan. Non hai que ter medo a dar a cara cando un cre o que defende.
A Asociación de Amigos do Camiño de Santiago ten unha ampla traxectoria e traballo na defensa, conservación e revitalización das distintas rutas xacobeas na provincia, e da cidade de Lugo en particular, onde o Camiño Primitivo é parada obrigada.
Por iso vemos con bos ollos calquera iniciativa que permita sumar, atraer a Lugo, a maiores dos que xa chegan ata o de agora, outros peregrinos, como son os vinculados á rede de paradores: turismo máis internacional e con alto poder adquisitivo e que demanda unha renovada oferta cultural, patrimonial e gastronómica.
A iniciativa da Xunta, neste ámbito é moito máis completa. Un proxecto sólido, sensato e avalado desde o punto de vista económico e técnico. E ademais combina, sen ter por que renunciar a ningunha delas, tanto a creación do Museo da Romanización como a posta en marcha dun parador de turismo.
Desde o noso punto de vista resulta imprescindible recuperar os usos do cuartel de San Fernando, e sería moi acertado facelo cun parador de turismo, que suporía contar en pleno casco histórico cun aloxamento público de prestixio.
Lugo merece un parador de turismo que dinamice o noso centro histórico, hoxe en franco retroceso desde o punto de vista comercial. Só hai que ir ao resto das cidades nas que se conta cun parador, como Santiago, Monforte ou Ribadeo, para ver que actúan como imán, sen competir cos negocios existentes.
Por suposto que tamén Lugo merece un Museo da Romanización, e máis se esta proposta nace dunha reformulación integral da oferta museística da cidade. A iniciativa da Xunta busca o aproveitamento de varios centros que na actualidade están infrautilizados como é o caso do Mihl, que pasa francamente desapercibido para a inmensa maioría dos visitantes pese ao enorme custo que xera.
Por riba de calquera opción e debate, todos elas respectables, no que seguro todos coincidimos é na necesidade de facer máis atractiva a oferta turística e cultural da cidade. Nisto a proposta da Xunta é máis axeitada. Queremos que a cidade de Lugo xogue en igualdade de condicións co resto das rutas xacobeas presentes na provincia, pois en todas elas hai un parador de turismo de referencia: Ribadeo e Vilalba no Camino Norte e Monforte no Camiño de Inverno.