Cogami lanza ’12 chaves da inclusión’ para conmemorar 30 anos de traxectoria

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) inicia ano coa celebración do trinta aniversario de traxectoria da organización, xa son trinta anos de loita e traballo polos dereitos das persoas con discapacidade física e orgánica.

Co gallo da celebración desta efeméride, COGAMI lanza a campaña 12 Chaves da Inclusión, para concienciar e sensibilizar sobre os dereitos básicos e fundamentais que temos todas as persoas, pero que non sempre se cumpren. A campaña consiste en 12 pezas audiovisuais que se van mover cada cambio de mes polas redes sociais co hashtag #30AniversarioCOGAMI. Cada unha destas pezas refírese a un dereito, estando dedicada a primeira delas á educación inclusiva, para que todas as nenas e nenas con discapacidade teñan os mesmos dereitos que o resto de compañeiras e compañeiros tanto dentro das aulas como tamén nos patios.

Un estudo presentado sitúa a Galicia como a Comunidade Autónoma máis inclusiva en educación, cun 92,7% de alumnado integrado, un dato que dende COGAMI se valora en positivo dentro do ensino obrigatorio pero, segundo o presidente, Anxo Queiruga, “no ensino que non é obrigatorio hai dificultades que temos que pulir para ter as mesmas oportunidades”.

Se o mes de xaneiro é dedicado á educación, cada un dos meses restantes centrarase noutros dos dereitos que, en palabras de Anxo Queiruga, son “temáticas vinculadas a esa transversalidade que teñen que ter as accións e políticas dirixidas ás persoas con discapacidade”.

Precisamente COGAMI imparte cursos formativos destinados a persoas con discapacidade desempregadas, co fin de capacitalas para a inclusión laboral. En 2019 impartíronse 34 cursos nos que se formaron 411 persoas das que o 34% conseguiron a inserción laboral. “O obxectivo da formación que impartimos, apunta Queiruga, é preparar e capacitar ás persoas para atopar un traballo, por iso somos exixentes porque queremos que a persoa estea activa na busca de emprego”.

O mes de febreiro estará dedicado á autonomía persoal e a distribución do resto dos meses e dereitos seguirán deste xeito: marzo á muller; abril saúde; maio a emprego; xuño a economía social; xullo á accesibilidade; agosto a voluntariado; setembro a turismo, lecer e deporte; outubro a movemento asociativo; novembro a infancia e xuventude e decembro a dereitos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com