A voceira municipal de Cs no Concello de Lugo, Olga Louzao, denunciou esta mañá o abandono que sofre por parte do Goberno local a praza Fonte dos Ranchos. A edil da formación laranxa criticou con dureza o estado no que se atopa este punto neurálxico da cidade no que conflúen ata oito vías diferentes e que presenta un firme moi deficiente, sofre falta de sinalización horizontal e conta cun mantemento insuficiente no seu mobiliario público e nos xardíns Ibáñez Méndez e Simón Bolívar. “É inadmisible que un dos puntos estratéxicos da nosa cidade presente tal número de fochancas e de tales dimensións. Sen dúbida, é un dos puntos que rexistra un maior tránsito de vehículos a diario xa que desde esta praza distribúese o tráfico para toda a zona norte. Ademais é un dos principais accesos á nosa urbe”, afirmou Louzao.
“É inadmisible a inacción de Méndez e Arroxo nesta zona da cidade. É necesario que se renove a capa de rodadura e que se mellore a sinalización horizontal con urxencia. Ademais o Goberno local debe mellorar os equipamentos e o mobiliario público nos xardíns de Ibáñez Méndez e Simón Bolívar”, proseguiu Louzao instando ao Executivo a levar a cabo unha actuación integral nesta praza de forma urxente.
Cando se redactaron os orzamentos, a agrupación laranxa advertiu, precisamente, da situación desta praza “pero no se preveu nin un só euro no documento para realizar unha mellora ao longo de 2020” co que o Goberno está a denotar, segundo Louzao, unha “falta de previsión total”.
Deterioro dos xardíns Ibáñez Méndez e Simón Bolívar
“Existe un deterioro nas papeleiras, moitas delas perderon a parte superior do seu deseño polo uso. Ademais puidemos contabilizar polo menos tres puntos onde a balaustrada sobre os pasos a nivel está rota e supón un claro risco para a seguridade dos peóns. Por outra banda hai un baño de obra facendo as funcións de baño público desde hai anos e o mobiliario dos parques está moi deteriorado”, concluíu a edil.