A delegación territorial da Xunta en Lugo acolleu onte unha xornada informativa na que se trasladou ás entidades deportivas da provincia (clubs, sociedades anónimas e seccións deportivas) as principais liñas de apoio promovidas pola Secretaría Xeral para o Deporte.
O encontro estivo centrado especialmente nas subvencións de máis recente convocatoria como é o caso das axudas para o desenvolvemento de actividades deportivas, e tamén, nas que está previsto convocar de xeito inminente como é o caso da liña de equipamentos.
As explicacións correron a cargo do xefe provincial do servizo de Deportes, Manuel Otero Cadramón, nun acto presidido polo delegado da Xunta José Manuel Balseiro.
A primeira das convocatorias, xa en prazo de solicitude, tramitouse como de concorrencia non competitiva e ten por obxecto facilitar a actividade deportiva dos clubs galegos así como a súa xestión económica.
Terá un importe total de 1.960.000 euros para o conxunto da comunidade, aumentando un 2,08% con respecto a 2018. O importe máximo por entidade beneficiaria será de 29.990 euros e o prazo de presentación de solicitudes remata o 10 de febreiro.
Os gastos subvencionados corresponderán ao período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 31 de decembro do mesmo ano, debendo terse efectuado e pagado nese período. Serán subvencionables os gastos derivados da participación en competicións de carácter oficial (licenzas, inscricións competicións, arbitraxes, adestradores, transporte e aloxamento a competicións, aluguer instalacións adestramento ou competicións, material non inventariable -balóns, roupa…-, produtos básicos de botiquín).
Como novidade cómpre salientar que dentro dos criterios a valorar puntuarase o desenvolvemento de actuacións en prol da igualdade efectiva de homes e mulleres no deporte, así como contra a violencia machista. Ademais, a adhesión ao manifesto pola igualdade pasará a ser obrigatoria.
Tamén está prevista a convocatoria inminente, para o ano 2020, das subvencións en réxime de concorrencia competitiva, para a adquisición de equipamentos deportivos.
Deste xeito a Xunta apoia os esforzos que as entidades fan a fin de contribuír na modernización e actualización de todo tipo de material deportivo necesario para o adecuado exercicio das distintas actividade incluído, de ser o caso, vehículos habilitados para o transporte deste material e das e dos deportistas.