Balseiro destaca en Fitur a aposta por recuperar a Casa Torre da Tinería como referente para o Turismo

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou hoxe na Feira Internacional de Turismo (Fitur) a aposta da Consellería de Cultura e Turismo por recuperar a Casa Torre da Tinería “e transformala nun espazo referente para a promoción do turismo e a gastronomía da provincia”. Realizou estas declaracións durante a presentación da guía … E para comer, Lugo, da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo (APEHL), que tivo lugar no stand instalado pola Xunta na feira para acoller os actos relacionados coa oferta turística de Galicia.

Balseiro lembrou que a proposta forma parte dun “ambicioso plan” que contempla a recuperación do cuartel de San Fernando como parador cun espazo musealizado que formaría parte do museo da romanización en rede, e unha sede do Centro Galego de Arte Contemporáneo no Pazo de Dona Urraca.

O delegado gabou o esforzo da APEHL por ” renovar, actualizar e facer cada vez máis atractiva a guía gastronómica de Lugo, que cumpre un importante labor de difusión turística e de promoción comercial dos produtos alimentarios lucenses2.

Na mesma liña, asegurou que a guía “envía a mensaxe de calidade que queremos vincular coa nosa identidade e coa nosa oferta turística”, a través de produtos como o bonito de Burela, o porco celta, a merluza do pincho de Celeiro, a tenreira galega, galiña de Mos, fabas de Lourenzá, viños da Ribeira Sacra, queixos de distintas denominacións de orixe, castañas, grelos, mel ou pataca, entre outros moitos.

Ao respecto, aludiu á estreita colaboración que existe entre a Xunta e a APEHL, con proxectos de futuro -como o da Casa Torre-, e outros que “son realidades dende hai anos, como a promoción durante as etapas de La Vuelta Ciclista que realizan os hostaleiros coa colaboración dos produtores agroalimentarios e o patrocinio do Goberno galego”, porque estamos convencidos de que “en Lugo, moi especialmente, turismo e gastronomía deben ir da man”.

Balseiro tamén fixo referencia á promoción “dos catro Camiños de Santiago que atravesan 29 dos 67 concellos da provincia””, nesta edición de Fitur no que o Xacobeo cobra protagonismo na antesala do Ano Santo 2021.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com