Tras seis anos de loita, Pilar Fernández, muller con mobilidade reducida que se veu encerrada na súa vivenda por culpa dunhas obras do Concello de Abadín, viu por fin chegar os obreiros esta semana para eliminar a barreira arquitectónica que lle impedía saír da súa casa en O Coto (Abeledo). As obras levarán tan só tres días, o que indica, segundo o Sindicato Labrego Galego (SLG) “que non foi precisamente a súa complexidade a que mantivo a Pilar nunha dependencia absoluta doutras persoas para poder entrar e saír do seu propio domicilio durante máis dun lustro”.
“Que moveu ao alcalde, o popular José María López Rancaño, a ordenar o inicio das obras tras seis anos teimando en non facelas? Probablemente, o feito de que a Fiscalía Xeral de Lugo abrise unha investigación para determinar se ao rexedor abadinense se lle pode imputar un delito de prevaricación por omisión“, declaran dende o sindicato.
En concreto, o pasado 12 de novembro, o Fiscal Xefe Provincial, Roberto Brezmes Caramanzana, ratificou a denuncia interposta pola Fiscal Instrutora do Xulgado de Mondoñedo, Claudia González Fernández, abrindo dilixencias de investigación penal contra o alcalde de Abadín por ser os feitos denunciados presuntamente constitutivos dun “delito de prevaricación, segundo o artigo 404 do Código Penal na súa modalidade omisiva, posto que a inactividade despregada na xestión do presente asunto polo alcalde de Abadín resultaría ser un comportamento que se aparta da busca da satisfacción do interese público como finalidade primordial da actuación administrativa, e trataríase dun comportamento inxusto e arbitrario e, ademais, prolongado no tempo máis alá de calquera prazo razoable…“.
“Curiosamente, ese mesmo día, o 12 de novembro, o Concello de Abadín contrataba a obra que se está a executar esta semana xunto á casa de Pilar Fernández”, explica o SLG.
Todo comezou en 2013, cando o Concello de Abadín deu unha nova capa de asfalto á pista que pasa a carón do domicilio de Pilar. A elevación do firme creou un chanzo insalvable para ela, que ten unha minusvalía do 84% e precisa dunha cadeira de rodas para desprazarse. Dende ese ano, “ao ver que de nada serviron as peticións reiteradas ao Concello de Abadín” para que reparase un problema que el mesmo provocara, creouse un grupo de traballo para apoiar a Pilar na súa demanda no que estivo integrado dende o principio o Sindicato Labrego Galego. Ademais de reiteradas peticións ao Concello, tamén se recorreu á Valedora do Pobo en numerosas ocasións.
Pola súa banda, o Sindicato Labrego Galego levou este tema ás tres xuntanzas do Consello Galego de Benestar en 2019, motivo polo cal se activou a súa Comisión de Accesibilidade. Neste senso, “temos que denunciar que esta Comisión de Accesibilidade fixo un claro abandono de funcións neste caso a pesares de ter pleno coñecemento del, polo que sospeitamos da complicidade da Xunta de Galicia coa teima particular do alcalde de Abadín. Finalmente, o caso púxose en coñecemento da Fiscalía, tal e como vimos”.
Xan 23, 2020 - 06:23 PM
Que vergoña, seguro que non e votante do PP.