A Concellaría de Cultura e Consumo de Ribadeo organiza uns actos arredor do urbanismo e o maltrato da paisaxe que se desenvolverán os días 24 e 31 de xaneiro. Hoxe foron presentados pola edil Pilar Otero Cabarcos.
A concelleira ribadens, Pilar Otero, presentou hoxe estes actos situándo, como eixo central desta axenda, as proxeccións do documental Estruturas, de Paco Gallego e Xosé Bocixa, gravado en 2018 e onde se escoitará o parecer de diferentes persoas estudosas do tema como a do decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño, arquitectos como Carlos Coto ou Fermín Blanco, arquitectas como Elvira Carregado e Carmen Vázquez, o director da ETSAC (Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña), Fernando Agrasar -tamén arquitecto-, do sociólogo urbanista Manuel G. Docampo ou da xeógrafa Rocío Romar, colaboradora do proxecto educativo Proxectoterra, que leva os valores da paisaxe e da arquitectura ás aulas de ensino do país.
Pilar Otero explicou por que elixiron o 24 de xaneiro como un dos días para a celebración destes actos “o 24 de xaneiro, Día da Educación, elixiuse para achegar esta problemática ao alumnado dos cursos superiores dos centros de ensino de Ribadeo. Así, pola mañá, ás 12:00 horas, no Teatro de Ribadeo será a primeira das proxeccións para rapazas e rapaces. Os case 80 minutos de visionado estarán completados cun pequeno coloquio cos responsábeis da película”.
A edil de Cultura e Consumo sinalou que o pase para o público xeral, “que terá un custo de entrada de 3 euros”, será ese mesmo venres ás 20:30 horas tamén no Teatro. “Están convidadas persoas de ámbitos profesionais vinculados ao tema e que desenvolven o seu labor profesional en Ribadeo: arquitectos, enxeñeiros técnicos, enxeñeiros agrícolas, aparelladores, etc”.
Otero Cabarcos engadiu que “esta interesante proposta ten o seu colofón na charla que, tendo como escusa o documental, impartirá Carlos Henrique Martínez Coto, presidente de Apatrigal e creador da coñecida conta de facebook Canibalismo urbanístico e maltrato da paisaxe. A charla e o coloquio posterior terán lugar no salón de actos IES de Ribadeo Dionisio Gamallo o 31 de xaneiro ás 12:30 horas”.