A Policía Nacional investiga na provincia de Lugo unha “perigosa” banda que se dedica, presuntamente, a finxir a venda de vehículos de alta gama, póñense en contacto cos compradores e quedan con eles en lugares despoboados para roubarlles os cartos despois de agredilos.
O golpe con máis repercusión, dos que se teñen constancia, tivo lugar onte, xoves, cando os asaltantes agrediron a un home de 37 anos co que quedaran en Monforte de Lemos para venderlle un coche. No lugar dos feitos, presentáronse dous vendedores que agrediron moi violentamente ao home e incluso chegaron a dispararlle para quitarlle os 19.000 euros que levaba para a compra.
Segundo consideran os axentes de seguridade, os dous individuos que actuaron onte en Monforte, son “os mesmos” que acometeron roubos parecidos nos últimos meses en Coles (Ourense) e Sarria. Neste senso, os investigadores cren que se trata dunha “banda organizada” e ,aínda que se descoñece a procedencia dos autores dos feitos, si precisan que son “perigosos”.