O Alcalde, José López Orozco, esixiulle hoxe á Xunta de Galicia que cumpra co seu compromiso de crear en Lugo o Centro Galego da Romanización, para o que convocou e fallou no seu día un concurso de ideas.
O Alcalde reiterou esta demanda do Concello de Lugo ao Goberno galego nunha rolda de prensa que ofreceu acompañado polo Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, e na que reclamou a inclusión do proxecto do Museo da Romanización nos Presupostos da Xunta para o ano que vén.
“Se é verdade que hai tantos brotes verdes, que pensen na nosa cidade e reserven partidas para o Museo da Romanización de Lugo no menor tempo posible”, salientou o Alcalde.
López Orozco tamén lle reclamou á Consellería de Cultura que “mentres non fai fronte ó compromiso contraído con Lugo, alomenos cumpla coa achega económica, que tamén prometeu, para colaborar co Concello achegando a metade dos cartos necesarios para frenar o continuado deterioro que está a sofrir o Cuartel de San Fernando, un edificio que ten a consideración de Ben de Interese Cultural que se vén abaixo malia ás reiteradas advertencias do Concello sen que a Xunta se digne a intervir”.
López Orozco lembrou que o Concello de Lugo fíxose cargo da redacción do proxecto para as obras imprescindibles para o mantemento do inmoble. Esas obras de consolidación do Cuartel de San Fernando teñen un presuposto de 181.000 euros e a Consellería de Cultura prometeu no seu día cofinanciar o gasto ó 50% co Concello pero aínda non deu paso a pesar de dispor xa do proxecto redactado por Evislusa.
“Mandouse o proxecto definitivo e nada sabemos da Xuta mentres segue o deterioro do edificio, que mantemos valado para protexer a seguridade das persoas”, declarou o Alcalde que lle preguntou ao Conselleiro de Cultura “a qué estamos esperando” e recordou que o Concello ten reservados os cartos que lle corresponden para levar a cabo esta actuación.