Xuventude busca cartel anunciador para o Arde Lucus MMXX

A Concelleira de Muller, Xuventude e Igualdade, Ana González Abelleira, daba a coñecer esta mañá as bases que rexerán o concurso de deseño gráfico para elixir o cartel anunciador do Arde Lvcvs 2020. O certame premiará con 1.300 euros á obra gañadora que será, ademais, a que anuncie a XIX edición da festa convocada para o 25, 26, 27 e 28 de xuño. O resto de carteis quedarán expostos durante un mes na Casa da Xuventude e terán difusión polas redes sociais.

Tal e como avanzou González Abelleira, “os deseños deberán reflectir o espírito da celebración, facendo especial fincapé na reconstrución histórica e a volta da cidade á época da súa fundación. Primarase a orixinalidade e tamén a incorporación dun enfoque que contribúa ao obxectivo de internacionalizar a proxección da festa”.

“As persoas interesadas terán que presentar os seus traballos, de técnica libre, en tamaño A-3 e soporte ríxido para facilitar a súa exposición, alén de adxuntar unha copia en formato dixital (JPEG ou PNG), cunha resolución de 1890×2645”, explicou a edil.

A concelleira explicou tamén que a entrega farase en sobre pechado, incluíndo o seu lema,  sen ningunha forma de identificación e que, noutro sobre, deberá indicar por escrito o mesmo lema e os datos identificativos do autor ou autora, ademais dunha copia escaneada do DNI.

“Obrigatoriamente todos os traballos teñen que conter os seguintes compoñentes: Arde Lucus MMXX, Festa de Interese Turístico Galego e Festa de Interese Turístico Nacional, así como a páxina web www.ardelucus.com, a data de celebración – 25, 26, 27 e 28 de xuño –  e os logotipos das redes sociais oficiais dos festexos. O prazo para presentar as obras permanecerá aberto ata o 27 de febreiro, debendo entregalas na Casa da Xuventude, de 10:00 a 14:00 horas en horario de mañá, e de 16:30 a 21:30 pola tarde, ou mediante correo certificado”, aclarou González Abelleira.

As obras presentadas serán exhibidas nas redes sociais do Arde Lucus, onde se fará unha votación popular da que se seleccionarán aquelas que logo serán sometidas á votación do xurado.

“Unha vez realizada a primeira escolla, de forma on- line, seleccionaranse 20 carteis se o número total de traballos non supera os 50 e, no caso de que se houberan presentado máis de medio cento, entón elixiranse, a maiores dos 20 máis votados,  o 20% do número total de obras presentadas”, explicou a edil.

O prazo para a votación estará aberto desde as 12:00 horas do 5 de marzo ata as 12:00 horas do día 12 dese mes. Unha vez feito o reconto de votos, a selección farase pública a través das redes sociais oficiais do Arde Lucus e da propia web da festa e do Concello de Lugo.

O venres, 13 de marzo ás 11.00 horas, na Casa da Xuventude, un xurado formado por tres persoas expertas, será o encargado de determinar a obra gañadora entre as escollidas previamente pola votación popular. As bases completas estarán dispoñibles para todas as persoas interesadas na páxina oficial www.ardelucus.com, na web municipal www.lugo.gal, ou no teléfono de atención cidadá 010.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com