O PP propón frear a reforma da lexislación de Costas “en defensa do sector do mar”

A industria do mar e o conxunto de actividades económicas que se desenvolven ao seu redor constitúen pezas básicas da economía da comarca da Mariña de Lugo, e da propia provincia. Para o amplo abano de industrias e actividades vinculadas ao mar, o proxecto de reforma do Regulamento Xeral de Costas é, segundo explicaron hoxe dende o PP provincial, “motivo de enorme preocupación”.

É un proxecto que “descoñece en grande medida a realidade” da Comunidade Autónoma Galega e da comarca de A Mariña de Lugo. Diante dun proxecto de reforma que, visto desde Lugo, “resulta absurdo en moitos aspectos”, os deputados provinciais do PP presentaron na sesión plenaria de hoxe unha moción, por vía de urxencia, que, entre outros obxectivos, inclúe o de que “con carácter previo á aprobación de modificación algunha, establecer unha mesa de análise e negociación cos sectores vinculados ao mar para alcanzar un acordo que permita que o proxecto do Regulamento Xeral de Costas e a Lei de Costas teñan en conta as reivindicacións socioeconómicas do sector do mar de Galicia”.

A este respecto, o deputado Jesús Novo, encargado de defender esta proposta, indicou ao comezo da sesión que “se ben é certo que hai indicios, aínda que nada oficial, malia que a oposición de Arousa lle dixo ao alcalde que xa retiraban o borrador, e hai empresas afectadas, o que pretendemos é saber que vai pasar con elas, dado que xa teñen a comunicación de non seguir coa actividade”.

Deste xeito, o grupo do PP insta ao Goberno de España a que “a reforma da normativa de Costas manteña o actual sistema regulatorio das concesións de ocupación de dominio público marítimo terrestre para os establecementos do complexo mar-industria alimentaria, dada a súa vital dependencia da captación directa de auga de mar e por tanto da ocupación parcial da zona marítimo terrestre imprescindible para o funcionamento racional e sustentable dos devanditos establecementos”.

A profunda reforma do Regulamento que intenta o Goberno parece adiantar cambios na Lei de Costas e “causa profunda preocupación” entre os sectores máis directamente afectados, segundo destacan os deputados populares. Esta preocupación ten a súa base na introdución de preceptos novos que amparan interpretacións moi restritivas da Lei de Costas. “Polo seu articulado, espállanse preceptos moi xenéricos e abstractos que incrementan as esixencias medioambientais, limitando así as posibilidades de exercer actividades ligadas ao tecido produtivo costeiro, en Galicia en xeral, e en Lugo en particular”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com