A Consellería de Política Social nomeou a Francisco Javier Vázquez Nodal director do complexo residencial xuvenil LUG I, na cidade de Lugo, segundo deu a coñecer o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, que mantivo unha xuntanza co novo responsable do centro.
Vázquez Nodal, que se incorpora hoxe ao seu posto, é licenciado en Ciencias do Traballo e Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos, e conta cun mestrado en Prevención de Riscos Laborais. É funcionario de carreira e ten unha dilatada experiencia na administración local.
O complexo residencial LUG I, situado na rúa Pintor Corredoira de Lugo, funciona como residencia para mozas e mozos estudantes durante o curso lectivo. Está situada nunha zona céntrica, próxima ao campus universitario e ao casco histórico da cidade.
Oferta 75 prazas en habitacións dobres e conta con comedor, aula de informática con internet, biblioteca, salas de estudo e salón de actos, entre outros servizos.