Méndez asegura que “Lugo chegará ao 2023 cos deberes cumpridos en materia de calidade ambiental”

A alcadesa de Lugo, Lara Méndez, aseguraba hoxe que a cidade “chegará ao 2023 cos deberes cumpridos en materia de calidade ambiental” , logo de que o Goberno Central veña de decretar a emerxencia climática para o país impoñendo ás cidades de máis de 50.000 habitantes, a creación de zonas de baixas emisións.

Unha medida que a rexedora, Lara Méndez, valora como “unha iniciativa acertada, de sentido común e congruente cos retos que impón a loita contra o cambio climático e un obxectivo, tamén, no que Lugo leva anos traballando e que asimilamos ao noso proxecto de cidade inspirado en políticas transversais que apostan pola sustentabilidade como única posible estratexia de desenvolvemento e mellora da calidade de vida dos nosos habitantes”.

Así, Lara Méndez referiu que intervencións como as peonalizacións xa proxectadas durante o anterior mandato para Quiroga Ballesteros e a Mosqueira contribuirán a reverter os efectos do Cambio Climático, e lembrou que a capital conta xa con zonas de baixas emisións como pode ser a contorna da Muralla ou o barrio da Piringalla onde, en anos anteriores, se procedeu ao calmado do tráfico “non só para favorecer a mobilidade peonil e gañar en seguridade viaria senón tamén para mellorar a calidade do aire”.

A rexedora insistiu en que a decisión do executivo estatal “non é, no caso de Lugo, un
futurible, senón un proxecto real que terá a súa culminación coa creación dun barrio multiecolóxico, recentemente presentado no Cume do Clima de Madrid cunha gran repercursión. Pronto terá ademais, a súa parte máis tanxible na construción dun edificio que será capaz de autoabastecerse enerxeticamente e que estará realizado integramente en madeira”.

Un material que non só conseguirá potenciar o sector forestal, básico para toda a provincia, senón que, “cremos, será o elemento estrutural
das edificacións do futuro xa que consegue reducir nun 90% as emisións de CO2 á
atmosfera” .

Lara Méndez lembrou que o Bosque Urbano, de máis de 40 hectáreas e integrado por 15.000 exemplares de especies autóctonas, situado no medio de dous polígonos industriais, está a certificar xa o seu impacto ambiental na contorna segundo determinan os estudos realizados pola Universidade Politécnica de Madrid.

“A plantación de cultivos enerxéticos e a recuperación do humidal xunto á próxima construción do Impulso Verde e a creación de xardíns verticais e dunha zona de hortos está a demostrar xa que a expansión da infraestrutura verde urbana xera un balance neto positivo de absorción de dióxido de carbono que axudará a reducir os efectos do Cambio Climático e a mellorar a resiliencia e a sustentabilidade o que demostra que estamos a camiñar na senda adecuada e que Lugo constrúe, dende hai tempo, os piares dun municipio que será referente para todo o país”, concluíu a alcaldesa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com