A Tarxeta Benvida da Xunta beneficiou dende a súa creación no ano 2016 ás familias de 5.964 nenos e nenas lucenses, segundo explicou hoxe a modo de balance o delegado territorial, José Manuel Balseiro.
En canto ao reparto por anualidades, foron 1.080 beneficiarios en 2019; 1.625 en 2018; 1.638 en 2017 e 1.621 en 2016. Segundo apuntou o delegado, o investimento aproximado foi duns oito millóns de euros, en torno aos dous millóns de euros anuais.
Balseiro deu conta hoxe destes datos durante a visita á escola infantil Galiña Azul de Vilalba, dependente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Este centro conta con cinco unidades e 74 prazas -actualmente hai 69 matriculados-, e o seu cadro de persoal está formado por tres mestras, nove educadoras e un posto de persoal de servizos sociais.
No transcurso da visita, Balseiro destacou que a Consellería de Política Social vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) as bases para que os pequenos que nazan en 2020 poidan beneficiarse da Tarxeta Benvida, que este ano mellora as condicións para as familias numerosas, as que residen no rural, as familias en situación de especial vulnerabilidade e as que retornan a Galicia dende o exterior.
Balseiro lembrou que esta tarxeta consiste nunha axuda directa de 1.200 euros -con carácter xeral- durante o primeiro ano de vida do bebé para destinar á compra de alimentos infantís, cueiros, roupa, berces e produtos de hixiene, farmacéuticos e ópticos. En función da renda, dende 2018 a tarxeta pode ampliarse ata o terceiro ano de vida da nena ou neno.
A convocatoria deste ano incorpora catro novidades. Unha delas é o incremento nun 25% para as familias que vivan en concellos de menos de 5.000 habitantes, que na provincia de Lugo son 55, o 82% dos municipios da provincia. Outra das novidades é que se duplica a cantidade que se percibe polo terceiro fillo e sucesivos durante o primeiro ano, de xeito que se recibirán 2.400 euros anuais, cifra que se elevará ata os 3.000 euros en caso de que vivan nun concello rural.
Así mesmo, contémplase a posibilidade de prórroga da Tarxeta Benvida para as familias en situación de especial vulnerabilidade ata que o neno ou nena teña catro anos. Por último, tamén se amplía nun mes o prazo de presentación de solicitudes para os galegos no exterior que decidan retornar a Galicia, os cales contarán con tres meses desde o seu regreso para solicitar esta prestación.
Balseiro apuntou que as axudas económicas impulsadas pola Xunta para dar facilidades ás familias galegas compleméntanse con outras iniciativas para proporcionarlles aos pais e nais recursos de conciliación.
Nese sentido, o delegado referiuse a medidas como a gratuidade das escolas infantís galegas para os segundos fillos e sucesivos a partir de abril; ou as Casas Niño, gratuítas para os usuarios. Así puxo de relevo que na provincia de Lugo funcionan 16 Casas Niño e está previsto que neste exercizo abran tres máis.