O Partido Popular pídelle ao alcalde que, “por respecto político e aos veciños, non minta máis sobre a pasarela do río Navia“. Os populares fan esta aseveración logo de que o socialista cargase, durante a sesión plenaria celebrada onte, a responsabilidade da reparación na Xunta de Galicia. “Non todo vale”, afirman, pois, “sabe que é unha competencia súa e da Confederación”.
“Entendemos que estamos en ano electoral, pero iso non xustifica que minta descaradamente deste xeito. Quen ten que facer o arranxo é o seu goberno e os seus compañeiros do organismo que pertence tamén, por certo, ao seu partido político. Esta é a única verdade” ,remarcan.
A este respecto, engaden: “queremos que os veciños saiban que dende o PP somos os primeiros interesados en que se amañe, pero, como é lóxico, o que non podemos permitir é que se digan falsidades“. E é que, segundo apuntan, “o que está facendo o alcalde é botarlle a culpa á Xunta para tapar o que el mesmo non fai”.
“Os veciños puxérono para cumprir coa súa responsabilidade, non para facer e dicir o que lle interesa en cada momento”, insisten. Os populares basean o seu argumento en argumentos “sólidos e demostrables”, pois noutros puntos da provincia nos que existen instalacións destas características, a Xunta achegou os recursos económicos precisos para a construción da pasarela, pero son os Concellos os responsables das tarefas de conservación e mantemento que, claramente neste caso, non se teñen realizado convenientemente ou directamente descoidaron.
En todo caso, aclaran, “a Xunta do que sempre falou foi de responsabilidade compartida” porque dada a envergadura da obra a acometer polo mal estado que presenta a pasarela, o Concello de Navia pode contar coa asistencia da Confederación Hidrográfica do Cantábrico, competente nese espazo fluvial, para desenvolver a obra de remodelación integral que precisa, pois o río Navia non forma parte dos recursos fluviais de competencia autonómica senón estatal.
Do mesmo xeito, os populares consideran “importante” que se coñeza que “temos un alcalde que non é o que parece”. Refírense así ao ton empregado polo dirixente local no debate político. “Demostrou un autoritarismo que non é propio do cargo que representa. Se está nervioso, o primeiro que debe facer é tranquilizarse”, e pídenlle que, nas vindeiras sesións, “deixe a prepotencia na casa e conteste e se dirixa aos grupos políticos con máis humildade política e, sobre todo, que diga a verdade”.