A asociación Lugo Monumental considera “chocante” que o Concello de Lugo anuncie que se van instalar cámaras de vixilancia nos centros deportivos para protexer as máquinas de vending mentres “se nega sequera a debater a posibilidade de establecer medidas de protección para o insubstituíble patrimonio histórico da cidade”.
A asociación lembra os danos sufridos por varios elementos lucenses, entre os que destacan as pintadas á estatua de Javier Krahe, o derrubamento da Fonte de San Vicente ou o deterioro dos ferraxes da Catedral de Lugo datados do século XII “e que se ven cada vez máis afectados polos ouriños dos incívicos”, xeran situacións que, segundo explican dende Lugo Monumental, van máis aló dunha mera perda económica, “xa que se trata de elementos que non se poden substituír e que, de repararse, manterán para sempre a pegada dos malos tratos”.
“Hai uns meses o Goberno tamén anunciou a instalación de cámaras nas rúas da cidade para controlar os accesos ao centro histórico, o que parece que abunda na idea de que só se contempla esta medida cando hai unha motivación económica, xa sexa polos danos sufridos aos bens dunha empresa ou un afán recadatorio”. Na cidade xa hai funcionando varias cámaras, como a situada tras o Cuartel de San Fernando e que apunta á rúa Amor Meilán ou as que controlan o tráfico da Rolda ou doutros lugares estratéxicos.
A proposta de Lugo Monumental implica a instalación de cámaras nun circuíto pechado que borraría as imaxes pasado un tempo prudencial, e a cuxas gravacións só se podería acceder en caso de necesidade (cando haxa unha situación que requira a súa estudio), eliminando calquera posibilidade de converter a cidade nunha especie de “Gran Irmán” que vixíe á cidadanía de forma invasiva.
Xan 31, 2020 - 03:14 PM
O mundo o revés………