O Concello modificará o Pepri para recuperar a contorna do Pazo de Dona Urraca

O Concello de Lugo vén de comunicarlle ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) que xa se pode iniciar a redacción do convenio que materializará o acordo alcanzado entre as dúas Administracións para a recuperación do Pazo de Dona Urraca e os espazos lindeiros, segundo anunciou a alcaldesa Lara Méndez en rolda de prensa.

A rexedora, que estivo acompañada  polo concelleiro de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, puxo este acordo “como un exemplo de traballo entre Administracións que procuran o ben común e que parte tanto do respecto do papel que xogamos cada unha, como do respecto mutuo polo poder de decisión que cada unha ten sobre os bens que son da súa titularidade”.

Tras varios meses de negociación, que comezou no mes de xullo do pasado ano, o convenio incluirá, como compromisos por parte do Concello, acadar a titularidade de tres edificacións sitas na rúa Falcón próximas á Muralla, así como de dous anexos de dúas vivendas lindeiras ao Pazo de Dona Urraca, co fin de que se incorporen ao resto de soares do ámbito da UI8 que son titularidade do IGVS e favorecer un mellor desenvolvemento.

Así mesmo, comprométese a modificar o PEPRI (Plan Especial de Protección e Reforma Interior) para variar o ámbito de actuación da UI8, “o que faremos utilizando a vía máis áxil, que introduce a Lei de Rehabilitación que entrou en vigor no mes de agosto e que usaremos por vez primeira en Lugo”, segundo sostivo o concelleiro.

A cambio, o retorno do investimento local que desenvolve o Concello e dos dereitos de edificabilidade que lle corresponden polo desenvolvemento do ámbito se materializarán en superficie xa edificada e non en chan, “o que nos permitirá obter locais ou vivendas”, comentou Lara Méndez.

A rexedora, ademáis, aclarou que “a nosa intención é destinalas, no primeiro caso, a darlle continuidade ao viveiro a pé de rúa da Tinería, ou, no segundo, a vivendas municipais de aluger. Como sabedes, unha das nosas preocupacións, e máis nesta zona con tanto potencial pola súa ubicación próxima aos tres Patrimonios da Humanidade e na que estamos a desenvolver un plan de dinamización económico e social, é evitar a especulación e pór en valor un barrio que está a coller gran impulso”.

Méndez destacou que o “obxectivo das dúas Administracións é favorecer o desenvolvemento da contorna desta unidade de actuación, que pola súa estratéxica situación, no barrio da Tinería, e polo inmoble principal que se rehabilitará, un pazo emblemático do século XVIII, debe facerse evitando actuacións agresivas e que posibiliten a mobilidade da zona”.

En execución

Neste senso, a Xunta de Galicia deu hoxe un paso adiante cara a ordenación da Unidade de Intervención UI-8 da Tinería, as inmediacións do Pazo de Dona Urraca, no barrio da Tinería; unha vez que o Concello de Lugo comunicou a
súa aceptación da modificación do PEPRI.

O obxectivo é mellorar de forma substancial o ordenamento previsto para a zona, coa incorporación de novos espazos á UI-8, que darán como resultado unha notable mellora dos espazos públicos resultantes da actuación. O Concello acepta así colaborar co IGVS, que será o encargado de executar e financiar as obras, tanto de rehabilitación, ou nova construción das vivendas da contorna, como na urbanización dos espazos públicos resultantes.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com