A Xunta contradí ao Concello e afirma que leva 6 meses esperando para asinar o convenio de San Fernando

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria afirma que mantén “intacto” o compromiso adquirido no seu día para a conservación e mantemento do antigo cuartel de San Fernando, “como así o acredita o dito e o feito a este respecto, outra cousa é que agora ó alcalde de Lugo lle entren as presas e tente esquivar a súa responsabilidade e a súa tardanza en actuar, tentando botarlle as culpas a outros cando tardou cinco meses en remitir o proxecto á Xunta”.

Con estes argumentos, a delegada territorial, Raquel Arias, tachou de “electoralistas” as últimas declaracións de José López Orozco sobre o vello cuartel. Arias afirma que as obras de mantemento do cuartel de San Fernando son responsabilidade do seu titular, o concello de Lugo, “pese ao cal a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria aceptou asumir a metade do investimento necesario pare realizar obras de rehabilitación no inmoble, que terán un custo estimado  de aproximadamente 180.000 euros”.

Explica ademais a delegada territorial que se chegous a este acordo o 14 de novembro do pasado ano, durante unha xuntanza na que participaron o entón conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad, o alcalde de Lugo e ela mesma, e na que tamén se acordou que o Concello remitiría á Consellería o proxecto de execución da intervención para deste xeito, poder asinar o convenio sobre o seu financiamento.

“Ese envío”, puntualiza a delegada territorial, “tivo lugar cinco meses despois, como así o acredita o rexistro de saída do Concello que é do pasado día 1 de abril e o rexistro de entrada na Xunta que é do 6 de abril”. A Xunta, “facendo gala dun ritmo ben distinto ao de López Orozco”, segundo recalcou Arias, “en menos de quince días ten xa moi avanzado o traballo: fixo a supervisión arquitectónica e está a rematar a supervisión arqueolóxica”.

A maiores, segundo explicou a delegada territorial, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está ao mesmo tempo a traballar na redacción do convenio de colaboración, que será remitido ao Concello de Lugo en canto remate a supervisión do proxecto para comezar a súa tramitación e lograr así a realización das obras no prazo de tempo máis breve posible. “A Xunta está dende hai cinco meses disposta a firmar ese convenio”, reitera Arias.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com