Marisa Celada inaugura ‘Fotofilm’ en Caldiae Factoría Cultural

A artista Marisa Celada inaugura mañá, 4 de febreiro ás 20.30 horas, en Caldiae Factoría Cultural (instalación dos Códex), a mostra do seu traballo fotográfico Fotofilm. Trátase da primeira exposición individual da fotógrafa lucense, que hai uns anos decidiu adicarse á súa paixón, formándose na Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo, tras perder o seu traballo nunha empresa lucense durante a crise. A exposición encádrase na Programación Cultural Anual adicada a mulleres artistas que Lugonovo e Caldiae Factoría Cultural impulsan, por segundo ano, na nosa cidade.

Nesta exposición, a artista presentará dous proxectos. No primeiro deles destácase unha serie de lugares comúns que unen a tres xeracións de mulleres: a súa nai, a súa filla e mais ela. O fío condutor das fotografías deste proxecto é o cine, con momentos representativos de distintas películas recreados en imaxes nas que a súa filla Sara é a protagonista. Este traballo, realizado en diferentes lugares da xeografía galega, é moi significativo para a artista dende o punto de vista persoal, pois todo o proceso creativo supuxo unha experiencia compartida e unha terapia para a súa filla e para ela, tras sufrir a perda inesperada da súa nai, algo que lles afectou especialmente a ambas.

O segundo proxecto que Marisa Celada presenta nesta mostra é unha serie de fotografías tomadas á beira do río Miño, un lugar que para ela supón a calma, a abstracción e a conexión coa natureza. A artista capta as néboas evanescentes entre as árbores, a auga sedosa en movemento, e os múltiples tons que desprega a natureza en cada estación e momento do día, para crear imaxes espectaculares, cheas de soño e poesía, deste entorno privilexiado que rodea á cidade de Lugo.

Segundo a coordinadora da Programación Cultural de Lugonovo e Caldiae, Camino Casabella, “na nosa cidade hai un grande número de artistas emerxentes, especialmente prexudicadas pola discriminación de xénero na arte en Galiza, que só necesitan unha abundancia de oportunidades e espazos para poder iniciar unha carreira nas artes visuais, e iso é o que estamos decididos a darlles con esta programación. A cultura lucense non ten futuro se non as apoiamos a elas agora”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com