A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, esixiulle á Xunta que “escoite á cidadanía de Lugo” e cumpra coa súa promesa de habilitar o Cuartel de San Fernando para que poida albergar o Museo da Romanización. Burgo criticou a “falta de credibilidade política” do PP, que hoxe vetou unha proposición non de lei do Grupo Socialista para retomar o proxecto de construción do museo no Cuartel de San Fernando.
A deputada socialista apelou ao amplo respaldo social a este proxecto, con 120 asociacións cidadás e culturais reivindicando o museo no Cuartel de San Fernando, que mesmo foi respaldado polo PP no Concello e mesmo no Parlamento de Galicia “ata que ordenaron que xa non”. Criticou que o goberno galego teña mudado a súa postura para pedir agora un Parador de Turismo no dito inmoble.
Advertiu que a proposta constitúe “fume co que están enredando coma sempre e aproveitando para atacar a un goberno” cun proxecto que “non era necesario cando gobernaba Rajoy” e que nin sequera conta co respaldo de Paradores de turismo. Advertiu que “non podemos ter como museo 4 vitrinas nos corredores dun Parador e nunha infraestrutura que non é adecuada”, polo que esixiu que deixen de lanzar “unha mentira tras outra” e “cumpran co que prometeron”.
Aludiu así a que o conselleiro de Cultura falou a finais de 2019 dun “novo proxecto” que pretende converter o cuartel de San Fernando nun “parador-museo” e converter o Museo Interactivo de Historia de Lugo no museo da Romanización. Advertiu que aquela infraestrutura “non é a adecuada” para albergar o centro de investigación, conservación e rehabilitación para os “milleiros de pezas históricas que teñen aparcadas en almacéns e mesmo sen catalogar”.
Burgo alertou que o MIHL “ademais de ser de propiedade municipal, non é en absoluto un museo do tipo que tería que ser o Museo da Romanización” e sinalou que conselleiro de cultura “está pensando nun tipo de museo decimonónico”, en lugar dun museo moderno que tamén sexa un centro referente en “conservación, rehabilitación, custodia e investigación do patrimonio galaico romano”.
A responsable socialista remarcou que este museo é unha oportunidade única para a cidade de Lugo que pode ver impulsada a súa actividade turística e económica sumada a un impulso da oferta cultural.