A Xunta de Galicia entregou unha vivenda de promoción pública en réxime de alugueiro situada na rúa Ramón Piñeiro de Becerreá. Trátase dun piso de 90 metros cadrados, con catro dormitorios e que conta tamén con garaxe e trasteiro.
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, asistiu ao acto de entrega das chaves e explicou que o Goberno galego dispón no municipio dun inmoble con 45 vivendas de protección oficial que xestiona o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), e neste momento están todas ocupadas.
O delegado territorial lembrou que o IGVS xestion os procedementos de adxudicación de vivendas, de xeito que tan pronto como unha queda vacante realiza os trámites para volver ofertala seguindo o listado de adxudicatarios de cada concello. Tamén se acometen as reparacións ou obras de acondicionamento que sexan necesarias para entregala en condicións óptimas.
As persoas interesadas poden inscribirse en calquera momento no Rexistro Único de Demandantes, que depende da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. As inscricións poden facerse presencialmente ou ben a través da sede electrónica da Xunta.