Balseiro: “A demanda turística en Lugo está ralentizada con respecto ao resto da provincia”

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo na tarde de onte unha reunión con representantes da Asociación de Veciños de Albeiros para explicarlles o plan de impulso do turismo cultural que propón para a Consellería de Cultura e Turismo para o municipio da capital e que contempla, entre outros aspectos, a rehabilitación do cuartel de San Fernando para acoller un parador con espazo musealizado.

Balseiro afirmou que esta proposta axudará a incrementar a demanda turística na capital, que neste momento “está ralentizada con respecto ao resto da provincia”. Neste sentido, sinalou que a provincia de Lugo foi a que máis creceu en Galicia en número de viaxeiros, un 13%, “e nun ano no que a comunidade no seu conxunto acada datos históricos”. Sen embargo, a cidade medrou nun 4%. De igual xeito ocorre co número de pernoitas, que na provincia increméntanse nun 12,4% e na capital nun 3,7%.

O delegado entende que esta debilidade da oferta turística da cidade “pode superarse se poñemos en valor distintos polos de atracción que capten outro perfil de turistas e obriguen ao visitantes a ampliar a estadía”. Isto lograríase, engadiu, ofrecendo un parador e un museo da romanización en rede, xunto con MIHL, a Domus do Mitreo, a Casa dos Mosaicos e os moitos vestixios musealizados que hai en Lugo; pero tamén outros recursos como os que o plan proxecta no casco histórico.

Así, Lugo ofrecería na Tinería unha sede do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) -a primeira fóra de Santiago de Compostela- e un centro vinculado ao turismo enogastronómico, entre outros recursos. A rehabilitación do pazo de Dona Urraca e a Casa Torre para estes fins, “contribuiría á recuperación urbanística e social dunha zona que pode constituír un gran reclamo turístico en si mesma, dado que incluso hai iniciativas para promover a súa declaración como Patrimonio da Humanidade”, asegurou Balseiro.

O delegado invitou á cidadanía a “sumarse ao debate sobre o futuro que queremos para Lugo”, e a asistir á mesa redonda que sobre este tema terá lugar na Delegación Territorial da Xunta mañá, sábado, día 8, a partir das 11.30 horas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com