Lugo amosa a súa repulsa ao crime machista das Gándaras

O Concello de Lugo decretaba hoxe tres días de loito oficial, nos que as bandeiras ondearán a media asta no municipio, trala confirmación por parte da Subdelegación do Goberno, de que o asasinato dunha muller en Lugo, esta fin de semana, se tratou dun novo caso de violencia de xénero.

Dende o executivo local convocábase ademais unha concentración de rexeitamento, ás portas da Casa Consistorial, na que se gardou un minuto de silencio y durante a cal, a alcaldesa, Lara Méndez, en nome de toda a Corporación, amosaba a súa máis enérxica repulsa non só polo presunto asasinato, esta fin de semana, dunha veciña da capital a mans da súa actual parella, senón tamén por todos os casos de violencia que se están a cometer contra as mulleres e que, tras este homicidio, suman xa dez, en todo o país, dende que comezou o ano, “a razón de un, cada catro días”.

A rexedora apelou “á necesidade de continuar traballando dende tódalas institucións na loita contra o terrorismo machista, sumando esforzos para tratar de frear esta lacra social” e quixo deixar patente tamén o compromiso do executivo local no deseño, posta en marcha e desenvolvemento de continuos programas a prol da educación e da concienciación e sensibilización social, así como na mellora das dotacións públicas e das prestacións municipais que se ofrecen ás vítimas e aos seus fillos e fillas.

O Concello convocaba, tamén, esta mañá un Pleno Urxente e Extraordinario no que quedaba aprobada, de forma unánime, unha Declaración Institucional na que manifestan o “máis firme compromiso coas mulleres vítimas de violencia de xénero. Un compromiso activo de forma permanente, porque para erradicar a violencia este compromiso, individual e colectivo, debe manterse durante todos os días do ano”.

“A loita contra a violencia que se exerce cara o sexo feminino, debe ser unha prioridade que obrigue a toda a sociedade no seu conxunto. Un imperativo que lle corresponde en primeira instancia aos gobernos e administracións no marco das súas correspondentes competencias”, explica a Declaración Institucional.

Outras administracións

A Xunta tamén expresou a súa condena e repulsa ante o asasinato dunha muller  nos principais concellos da Comunidade Autónoma. Asemade, o persoal da Delegación territorial da Xunta en Lugo gardou un minuto de silencio na súa memoria e en solidariedade cos seus familiares e amigos.

A administración autonómica lembra que as vítimas de malos tratos teñen a súa disposición un amplo abano de medidas de apoio para denunciar e non permitir estas situacións: policial, axudas económicas, asesoramento e información, apoio psicolóxico ou a rede de casas de acollida. Nese sentido, tamén poden acudir ao teléfono da muller 900400273 ou o 016, un servizo gratuíto que garante a confidencialidade, xa que non queda pegada na factura telefónica.

Os traballadores da Subdelegación do Goberno en Lugo participaron tamén nun minuto de silencio convocado pola subdelegada, Isabel Rodríguez, quen lembrou que Clara María Expósito é a segunda vítima que se produce na nosa provincia no que vai de ano e xa son dez as mulleres asasinadas en España en menos de dous meses. “Non pode ser que aínda haxa quen cuestiona unha realidade tan cruel que non se pode tolerar. A sociedade e o Goberno actuarán coa máxima contundencia ata que logremos erradicar esta lacra”, manifestou Isabel Rodríguez, que tamén participou na concentración de condena convocada polo Concello.

A preguntas dos xornalistas, Isabel Rodríguez lembrou que a investigación está baixo o segredo do sumario, decretado polo Xulgado que instrúe a causa, e que a Policía Nacional continúa coas indagacións para esclarecer coa maior precisión as circunstancias deste crime. Asímesmo, a subdelegada puxo de manifesto o gran traballo que está a realizar a Policía Nacional para aclarar o asasinato de Clara Expósito.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Lucia Barcelos
    Feb 10, 2020 - 02:27 PM

    Ufff

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com