Últimos días para que os concellos poidan sumarse ao proxecto da Xunta para mellorar a cobertura móbil

O vindeiro 14 de febreiro remata o prazo para que os concellos interesados en adherirse á iniciativa autonómica de mellora de cobertura móbil presenten a súa solicitude. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e a Federación Galega de Municipios (FEGAMP) asinaron o pasado mes de decembro un acordo marco para facilitarlles ás entidades locais a adhesión á esta actuación.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou hoxe que o Goberno galego conta cun investimento de 5 millóns de euros para este proxecto, que se desenvolverá a través dunha encomenda ao operador publico Retegal, para a construción das torres, e unha convocatoria publica a operadores en concorrencia competitiva.

Balseiro afirmou que esta iniciativa é especialmente interesante para a provincia de Lugo, “que polas súas características de orografía e dispersión rural presenta aínda espazos de sombra, con dificultade ou ausencia de cobertura móbil”.

Os municipios interesados deben realizar a súa solicitude a través da sede electrónica da FEGAMP, na que os concellos teñen á súa disposición toda a documentación que deberán achegar, así como información adicional aclaratoria, a través da web http://www.fegamp.gal/content/convenio-amtega-fegamp-cobertura-mobil-no-rural.

Entre a documentación que deben presentar as entidades locais interesadas figuran a información das zonas nas que teñen constancia de deficiencias de cobertura, e detalle das parcelas que o concello pon a disposición para a instalación das infraestruturas de telecomunicación.

A Xunta calcula que poderán beneficiarse núcleos de ata 118 concellos rurais, repartidos a partes iguais nas catro provincias. En todos os casos serán lugares con vivendas nos que non hai cobertura móbil, e a maioría deles teñen menos de 10 habitantes.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com