O Concello de Vilalba prepara un novo Plan de Igualdade

O Concello de Vilalba vén de anunciar que o Concello xa comezou a traballar sobre un novo Plan de Igualdade, realizando unha mesa de traballo técnico-política para pescudar necesidades e vías de mellora na consecución da igualdade entre homes e mulleres.

Na actualidade, non existe un Plan a nivel municipal en vigor (desde o ano 2016 non se renovaba, nin foi avaliado), motivo polo que o goberno, ás poucas semanas de tomar posesión, comezou a traballar nunha estratexia de acción en materia de igualdade de oportunidades e prevención da violencia machista para a localidade.

Os eixos de creación do plan sinalan na dirección de analizar os datos cuantitativos de fontes oficiais e das áreas técnicas sobre a realidade do municipio, así como das políticas locais; tamén se valorarán os instrumentos actuais da administración para desenvolver accións específicas e transversais de igualdade de xénero, estudando as necesidades e demandas das mulleres do municipio.

Na primeira das mesas, unha representación das traballadoras e traballadores dos distintos departamentos do Concello realizaron un mapa de necesidades e melloras neste eido. Os seguintes encontros estarán protagonizados por persoas do tecido asociativo de Vilalba e parroquias, e tamén haberá un espazo de participación para colectivos de mulleres e feministas.

Unha vez se obteñan os resultados da análise cuantitativa (estudo de datos desagregados por sexos) e cualitativa (posta en común de persoal municipal, corporación política e cidadanía), deseñarase unha ruta de acción para o período 2020-2023.

Do mesmo xeito, articularase un sistema de indicadores para realizar un seguimento e avaliación das accións planificadas. Neste senso, a Corporación votou en pleno por unanimidade e a proposta do goberno local a creación dunha Comisión de Igualdade, específica para valorar as actuacións nesta materia.

Desde o consistorio, aseguran que “a igualdade é un dos piares fundamentais na acción do novo goberno, pois vemos día a día desde a brutalidade dos casos de violencia machista contra as mulleres, ata situacións de discriminación por razón de sexo sobre as que temos que tomar medidas desde as administracións públicas, transformando a sociedade para a convivencia e o benestar de homes e mulleres”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com