Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron esta tarde a un bombeiro que caeu dun camión cando se atopaba no parque de Sarria.
O traballador estaba consciente, pero necesitaba asistencia médica urxente debido ao golpe que recibiu nas costas.
Así, acudiron ao lugar do accidente profesionais sanitarios para ofrecer os primeiros coidados ao doente e evacualo ao centro hospitalario de referencia. Pola súa banda, os xestores do 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento dos axentes da Garda Civil e da Policía Local para observar in situ as causas do accidente.
Cómpre salientar que este accidente foi rexistrado no 112 Galicia ás 12:30 horas de hoxe despois de recibir a información dos efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.