O PP pedirá en pleno que o Concello inste ao Goberno a manter a sala do 091 en Lugo

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, sinala que o seu grupo defenderá no vindeiro pleno que o Concello de Lugo inste ao Congreso dos Deputados o mantemento da salas do 091 da Policía Nacional na Comisaria de Lugo ademais de aumentar os medios humanos e materiais cos que conta dita comisaria.

Ramón Carballo explica que na actualidade a comisaria de Lugo conta con sala do 091, cun funcionamento 24 horas ao día os 365 días do ano, que atende aos case 100.000 veciños de Lugo. Estas sala é o órgano de coordinación operativa por excelencia, como servizo máis próximo ao veciño, que recibe os avisos dos cidadáns e distribúe os efectivos policiais. Ademais están dotadas de avanzados equipos de comunicacións e medios técnicos para afrontar con eficacia as situacións de emerxencia.

Na área de telefonía, os axentes atenden as chamadas, recollen os datos precisos e activan de forma telemática os recursos necesarios para resolver a incidencia e o tempo medio de espera das persoas que solicitan o auxilio policial a través do 091 ata que a súa chamada é atendida sitúase ao redor dos 6 segundos.

O voceiro popular sinala que os operadores da sala do 091 son os responsables de comisionar os servizos e requirimentos operativos ás unidades e dotacións en servizo. Tamén centralizan e dan resposta ás peticións e consultas ás bases de datos de interese policial solicitadas polos axentes en servizo e transmiten as instrucións oportunas relativas ao cumprimento das normas de aplicación das ordes xudiciais de afastamento e protección das vítimas de violencia de xénero. Ademais, desde este centro de operacións asúmese a coordinación operativa en caso de situacións de risco inmediato, emerxencias e dispositivos especiais.

Ramón Carballo explica que, segundo sinalan os sindicatos policiais, a intención do Goberno de trasladar á Coruña a sala do 091 de Lugo provocaría unha mingua importante no movemento e eficacia deste servizo, prexudicando a seguridade en Lugo. “Se trasladan a sala do 091 a outra cidade, os axentes que reciban a chamada de aviso dun lucense non terán o mesmo nivel de coñecemento que teñen os axentes da zona de influencia, sendo este un servizo que require coñecemento de proximidade para que o tempo de reacción sexa o máis rápido posible, cun nivel de coñecemento case exacto de cada recuncho da cidade”, detallou.

Ademais, Ramón Carballo recorda un dato que non é menor, como que a comisarías da Policía Nacional de Lugo conta cun déficit de 41 axentes o cal fai necesario e urxente cubrir o total das prazas dispoñibles para garantir e mellorar a seguridade dos lucenses.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com