O concelleiro de Infraestruturas Urbanas do Concello de Lugo anunciou que se abriu o procedemento de licitación para realizar novos pasos de peóns no entorno dos centros de ensino. “Construiranse novos pasos de peóns elevados nas rúas Rei Xordo, Alexandre Bóveda, rúa Galicia, Mariña Española e Angelo Colocci”, indicou o edil nacionalista.
“Temos previsto que estes pasos de peóns se realicen durante as vacacións escolares do verán, para evitar así crear molestias ás familias que leven ás súas crianzas a estes centros”, explicou o concelleiro titular da área, quen aclarou que esta actuación saíu a licitación cun orzamento de preto de 80.000 euros e un prazo de dous meses desde o inicio para rematar os traballos.
Alexandre penas indicou que “traballamos activamente en calmar o tráfico para mellorar a seguridade nos recintos escolares”. Segundo o edil de Infraestruturas, “con este tipo de medidas complementamos as medidas nas que a Dirección Xeral de Tráfico está a traballar, encamiñadas a cidades cun menor número de vehículos circulando”.